Dobre vitoria nacional terras valencianas para o Team Farto

Pontevedra
21 de maio 2024

O club ciclista pontevedrés vive o seu mellor momento da tempada tras os triunfos conseguidos a fin de semana no Gran Premio de Picassent e o Gran Premi Ciutat de Gandía

Dobre vitoria do Farto en Valencia
Dobre vitoria do Farto en Valencia / Team Farto - BTC

O Team Farto-BTC vive o seu mellor momento da tempada, grazas aos triunfos conseguidos a fin de semana en probas do calendario nacional como o Gran Premio de Picassent e o Gran Premi Ciutat de Gandía, na Comunidade Valenciana.

O equipo ciclista pontevedrés logrou a primeira das vitorias en Picassent por medio de Ariadna Gutiérrez, nunha carreira de 90 quilómetros que se decidiu por un ataque da mexicana na última subida ao Alto de Alter, chegando en solitario a meta.

Pola súa banda o domingo Odette Lynch logrou o dobrete en Gandía nunha proba en formato de critérium, con 69 quilómetros plenamente chairos. Andrea Martínez e Odette Lynch coáronse no grupo de nove ciclistas que se xogaría a vitoria ao sprint, conseguindo levantar os brazos a recente fichaxe do Farto, que ademais levou as clasificacións de sprints especiais e metas voantes.

Ambas as dúas carreiras pertencían ao calendario nacional da Real Federación Española de Ciclismo, e supoñen un reforzo ao traballo do equipo ante o reto que supoñen a súa próxima participación en eventos de categoría UCI.

As vitorias de Gutiérrez e Lynch súmanse ás recentes de Lucía Piñón (no Campionato Galego CRI júnior), Carmen Mallo (Campionato Galego CRI sub23) e Andrea Martínez (GP Santo Isidro), para sumar cinco triunfos en pouco/pouo máis de semana e media.

"Gañar sempre é gañar e ademais nestas probas nas que o nivel non era nada malo. Aínda así, temos os pés na terra. As próximas carreiras son a Vuelta a Andalucía e a Volta a Catalunya, ambas as dúas probas UCI do máis alto nivel mundial, e son totalmente distintas ao que vimos correndo estas semanas. Estamos a bo nivel, pero nestas voltas están as mellores do mundo. Tentaremos ser comabtivos, saír ao ataque e lograr un bo resultado sen esperar a que empecen os ataques das líderes dos equipos World Tour", analizou tras estes resultados o director deportivo do equipo, Brais Dacal.