Dobre triunfo e liderado para o Waterpolo Pontevedra na División de Honra galega

Pontevedra
02 de decembro 2019

O conxunto pontevedrés, que afrontou un dobre compromiso ligueiro a fin de semana, saíu vitorioso de ambos os duelos alzándose co primeiro posto da liga regular sénior masculina

Minuto de silencio no partido entre Waterpolo Pontevedra e Marina Ferrol
Minuto de silencio no partido entre Waterpolo Pontevedra e Marina Ferrol / Club Waterpolo Pontevedra

Fin de semana redonda a nivel deportivo para o Club Waterpolo Pontevedra, e iso que se presentaba complicado cunha dobre cita para o equipo sénior masculino na Liga Galega de División de Honra para recuperar os partidos aprazados ao comezo de tempada.

O sábado os pontevedreses recibiron no CGTD o Marina Ferrol, ao que se enfrontaron sen confiarse da súa mala clasificación pero cun ollo posto no duelo do domingo, onde esperaba o seu gran rival polo primeiro posto da liga regular, o Santiago.

En canto a este primeiro duelo, Javi de Sáa tentou dosificar aos seus e saíulle ben, dominando desde o primeiro cuarto para levar o duelo cun contundente 16-6.

Outra historia foi o choque entre os dous equipos invictos da liga, Pontevedra e Santiago, que se disputou o domingo. Esperábase un duelo igualado e así foi. A intensidade foi máxima desde o primeiro parcial (2-2). Cada erro pagábase e un descoido defensivo daba vantaxe aos composteláns ao descanso (2-3).

A desvantaxe mantívose ata o último cuarto (3-4), no que o partido pareceu escaparse (4-6) antes da reacción final, cando tres goles en tres ataques consecutivos deron un valioso triunfo e o liderado da máxima categoría autonómica ao Pontevedra.

Desta forma os mozos igualan ao conxunto sénior feminino, que marcha líder destacado da súa categoría despois de sumar todos os seus partidos por vitoria, o último ante o propio Santiago por un claro 17-7.

En cada un dos partidos disputado esta fin de semana polos equipos do Waterpolo Pontevedra gardouse un minuto de silencio en memoria do recente falecemento de Fernando Rodríguez "Malecho", un dos impulsores do  waterpolo pontevedrés e pai dos ex-xogadores Pablo Rodríguez e Juan Rodríguez.