Dobre representación do Poio Pescamar na primeira convocatoria da tempada da Selección Absoluta

Poio
19 de setembro 2023

Ale de Paz e Laura Uña serán as dúas xogadoras que representarán ao conunto conserveiro na primeira concentración da tempada da Selección Española Absoluta, unha lista na que tamén está a pontevedresa Silvia Aguete

Laura Uña, no partido de liga entre Poio Pescamar e Roldán na Seca
Laura Uña, no partido de liga entre Poio Pescamar e Roldán na Seca / Cristina Saiz

Primeira convocatoria oficial da Selección Española Absoluta Feminina de Fútbol sala, que unha tempada máis segue poñendo os seus ollos nun Poio Pescamar consolidado entre os mellores equipos do estado.

Dúas xogadoras do conxunto conserveiro, Ale de Paz e Laura Uña, foron incluídas na lista dada pola seleccionadora Clàudia Pons, na que tamén se mantén a gardameta pontevedresa Silvia Aguete, agora no Melilla.

No caso de Ale de Paz e Silvia, ambas as dúas foron pezas fundamentais no equipo nacional nos seus recentes éxitos, mentres que para Laura Uña será aos seus 27 anos a súa primeira chamada coa Selección.

Esta é a primeira convocatoria de España tras a conquista do seu terceiro Europeo, e a que supón o punto de partida para preparar o próximo Campionato de Europa, que se disputará en 2025.

As 14 futbolistas citadas protagonizarán varias xornadas de adestramentos na Cidade do Fútbol de Las Rozas do 24 ao 28 de setembro, nas que se inclúe un partido de preparación o mércores 27 fronte ao Ciudad de Móstoles cadete masculino.