A Escola Xadrez Pontevedra converterase en protagonista de parte da fin de semana deportivo na cidade con dous días de xadrez ao aire libre.
A Praza de España será escenario o venres 29 de maio, dende 10:30 horas, dunha nova edición de 'Xadrez na Rúa', na que participarán os centros escolares de Campolongo, Manuel Vidal Portela, Xunqueira II e Vilaverde.
Por outra parte no mesmo lugar máis de 400 xogadores de todas as categorías participarán o sábado 30 durante toda a xornada no VI Torneo PonteXadrez, ou a "fiesta del ajedrez en Pontevedra", segundo o definiu na súa presentación Daniel Rivera.
A competición desenvolverase en sistema suízo, a sete roldas e en todas as categorías, dende sub-8 ata a absoluta.
Ademais, como en pasadas edicións, pídese a colaboración de participantes na recollida solidaria de alimentos non perecedoiros que se organiza de xeito paralelo en beneficio do Comedor de San Francisco.