Dobre fichaxe internacional para reforzar o plantel do Farto

Pontevedra
05 de agosto 2022

O club ciclista profesional pontevedrés confirmou as incorporacións da australiana Josie Talbot e a francesa Cécile Lejeune 

Josie Talbot, nova ciclista do Team Farto
Josie Talbot, nova ciclista do Team Farto

Importante movemento do Team Farto - BTC co obxectivo de seguir afianzándose no pelotón profesional feminino.

O conxunto pontevedrés anunciou a incorporación ás súas filas de dous talentos novos, a australiana Josie Talbot e a francesa Cécile Lejeune, que veñen cubrir o oco deixado por Antri Christoforou tras ser transferida ao equipo World Tour estadounidense Human Powered Health.

Talbot é a actual campioa de Oceanía e acumula dous anos de experiencia no Burgos Alimenta. Sinala o Farto que o seu papel será o de liderar ao equipo en probas de perfil clásicas e ao sprint, estando previsto o seu debut este mesmo fin de semana no Tour dos Pireneos, carreira francesa de división 1 que contará con catro etapas. Despois desta cita afrontará ademais as clásicas francesas Perigord e Picto-Charentaise antes de preparar o Mundial.

"Creo que ten un gran potencial e que en probas chairas ou etapas pestosas pode achegar moito", asegura o mánager do Farto, Brais Dacal.

Pola súa banda Cécile Lejeune é ua nova promesa francesa que destacou noutras disciplinas deportivas, e que este ano disputou o calendario profesional francés cunha destacada actuación na Mont Ventoux Dénivelé Challenges. A súa estrea será en Périgord e Picto-Charentaise e logo disputará co Farto-BTC o Circuíto de l'Ardèche.

"Ten ganas e calidades, e imos ir paso a paso para ver o seu potencial real. Con Josie e Cécile aseguramos a nosa ambición de seguir estando entre os mellores do mundo tras a vitoria de Antri no Grand Prix de Morbihan en maio", completou Dacal sobre o dobre movemento para reforzar á escuadra profesional pontevedresa de categoría UCI Continental.

No que respecta ao Tour dos Pireneos, ademais de Josie Talbot o Farto formará con Marta Romeu, Lina Svarinska, Ari Gutiérrez e as sub-23 Azulde Britz e Pilar Jiménez.