Dobre derrota do Waterpolo Pontevedra fronte a Málaga e Mallorca

Pontevedra
13 de abril 2025

O equipo feminino caeu por 14-10 en terras andaluzas, mentres que o masculino cedeu nos penaltis ante un Mallorca que remontou no último cuarto

Partido entre o Waterpolo Pontevedra e o CW Turia en Rías do Sur
Partido entre o Waterpolo Pontevedra e o CW Turia en Rías do Sur /

O equipo feminino do Waterpolo Pontevedra, coa permanencia xa asegurada, sufriu unha derrota na súa visita a Málaga nun partido que comezou costa arriba para o equipo pontevedrés.

O conxunto local saíu con moita intensidade e logrou un parcial de 5-1 no primeiro cuarto que Adriana Collazo reduciu cun gol de penalti (5-2).

No segundo e terceiro cuarto mantívose a mesma dinámica, co equipo local dominando e as de Pontevedra indo a remolque.

Xa no último e decisivo, o Waterpolo Pontevedra reaccionou e logrou achegarse ao marcador, póndose a dous goles do empate. Con todo, o Málaga respondeu cun esfozo final, sentenciando o partido cun marcador de 14-10.

DERROTA NOS PENALTIS DO EQUIPO MASCULINO

Pola súa banda, o equipo masculino protagonizou un emocionante partido fronte a un complicado Mallorca que chegaba á cita en segunda posición con pleno de puntos.

Os pontevedreses, a pesar de comezar con bo pé, non puideron manter a vantaxe e terminaron cedendo ante o empuxe final do seu rival.

O encontro comezou cun Waterpolo Pontevedra levando a iniciativa no marcador, que se fixo máis avultada despois do paso polos vestiarios (6-3). Con todo, o Mallorca reaccionou e logrou achegarse no marcador, deixando o partido aberto para o último cuarto (9-7).

O último período foi de máxima intensidade, con ambos os equipos buscando a vitoria. Os visitantes lograron empatar a 13 e levaron o encontro á quenda de penaltis.

Xa desde o catro metros o Mallorca mostrouse máis acertado e levou a vitoria por 15-16.