Diploma olímpico para Antía Jácome cun brillante quinto posto no C-1 200 metros

Pontevedra
05 de agosto 2021

A padexeira pontevedresa, con 21 anos e na súa primeira participación olímpica, pelexou ata o final polas medallas quedando a escasas dúas décimas do podio

Antía Jácome, nos Xogos Olímpicos de Tokyo
Antía Jácome, nos Xogos Olímpicos de Tokyo / Comité Olímpico Español

A escasas dúas décimas do podio quedou Antía Jácome na súa primeira participación nuns Xogos Olímpicos.

A padexeira pontevedresa levou este xoves un diploma olímpico grazas ao brillante quinto posto conseguido na final do  C-1 200 metros.

Aos seus 21 anos, Jácome pelexou ata o final polas medallas demostrando o gran futuro que ten por diante, pero o seu tempo de 47.226 segundos non foi suficiente para tocar metal.

O resultado final non embaza en todo caso unha participación de sobresaliente, que iniciou o mércores avanzando con paso firme ata as semifinais e que continuou nesa rolda xa este xoves para lograr o cuarto mellor rexistro da súa serie conseguindo o pasaporte para a final olímpica.

Antía compareceu na quenda final pola rúa 8 e sen nada que perder, facendo soñar á EP Ciudad de Pontevedra e a todos os seus paisanos coa xesta. Finalmente o título foi para unha das grandes favoritas, a estadounidense Nevin Harrison (45.932), secundada no podio pola canadense Laurence Vincent-Lapointe (46.786) e a ucraína Liudmyla Luzan (47.034).