Diego Villares espera un Pontevedra que "non nos vai a poñer as cousas nada fáciles"

Pontevedra
14 de setembro 2022

"Van apertar desde o principio", asegura o centrocampista galego do Deportivo, que este mércores compareceu en rolda de prensa tras o adestramento do equipo branquiazul analizando o derbi do próximo domingo 18 fronte ao Pontevedra

Diego Villares, nun adestramento do Deportivo
Diego Villares, nun adestramento do Deportivo / RC Deportivo

Do mesmo xeito que o Pontevedra Club de Fútbol, o seu próximo rival en liga, o Real Club Deportivo, regresou este mércores aos adestramentos. Fíxoo cunha sesión celebrada en Abegondo e tras a que compareceu en rolda de prensa o seu xogador Diego Villares.

O centrocampista galego referiuse ao cadro granate, que visitará Riazor o domingo día 18 (19.00 horas), como "un equipo que mantén a base do ano pasado, que lle trouxo ata a Primeira RFEF. O ano pasado fixo moi boa campaña", afirmou.

Villares sinala que o Pontevedra "mantén o xogo do ano pasado, é un equipo que xoga moi ben e que non nos vai a poñer as cousas nada fáciles, van apertar desde o principio, que é un aceno de identidade súa".

En canto ao comezo de tempada do seu equipo, con dous triunfos en dous partidos e un encontro aprazado, o futbolista deportivista defende que "nos resultados podemos estar satisfeitos, que foi pleno de puntos, pero no xogo si que temos marxe de mellora".

Nese debe, a mellorar, sitúa unhas transicións que en Mérida causaron bastantes problemas aos seus. "Foi o factor que máis nos complicou, as que nos buscaban eles con esa xente descolgada. Aí temos que estar atentos nas vixilancias. Traballarémolo estes días para mellorar un pouquiño", analizou.

Trátase ademais dun momento importante para o Deportivo, con tres do seu próximos catro encontros na casa, un aspecto que espera "nos pode dar ese punto de confianza e bo xogo que necesitamos".