Dera a sorpresa no Selectivo Nacional Sprint celebrado en Verducido o pasado mes de abril e volveuno a facer na Copa do Mundo de Sprint Olímpico que se está disputando en Szeged, Hungría.
Diego Domínguez (Breogán do Grove) clasificouse para os Xogos Olímpicos de París facendo parella co balear Joan Antoni Moreno no C-2 500 masculino.
A pelexa pola praza olímpica estaba aberta e todo se decidiu na regata final entre catro padeeiros españois. Pablo Martínez e Cayetano García defendían a súa praza e Domínguez e Moreno tentarían arrebatarlla. A parella que gañase este sábado, lograría o billete para París.
E foi precisamente a dupla formada polo galego e o balear a que conseguiu, ademais da medalla de prata mundialista, a oportunidade de participar nos Xogos Olímpicos 2024 representando ao combinado nacional despois de atravesar a liña de meta en segunda posición (+1.13), só por detrás dos rusos Alexey Korovashkov e Ivan Shtyl (1:37.03). Terceiros foron os húngaros Balazs Adolf e Jonatan Daniel Hajdu (+1.64).
Tano Garcia e Pablo Martínez quedaron ás portas do podio cun cuarto posto (+1.70) e sen opcións de clasificarse para París.
ANTÍA JÁCOME, OURO NO C2-200 XUNTO A MARÍA CORBERA
Xa clasificadas para os Xogos, Antía Jácome e María Corbera disputaron este sábado o seu último test internacional xuntas antes de viaxar á capital francesa e non defraudaron, colgándose a medalla de ouro na final de C-2 200 e a de bronce na de C-2 500 feminino.
Na carreira máis curta, a dupla española proclamouse campioa do mundo tras gañar con superioridade aos seus opoñentes e sacar unha vantaxe dun segundo ao seu inmediato perseguidor. Jácome e Corbera fixeron un tempo de 42.66, as moldavas Daniela Cociu e María Olara foron segundas (+1.00) e as portuguesas Inés Penetra e Beatriz Fernandes, terceiras (+1.04).
En C-2 500, as españolas melloraron en catro segundos o tempo que lles deu o pase para os Xogos Olímpicos, pero nesta ocasión non foi suficiente para facerse coa medalla de ouro, que foi para as chinesas Shixiao Xu e Mengya Sun (1:51.49), nin coa prata, que lla levaron as canadenses Sloan Mackenzie e Katie Vincent (+1.63). Jácome e Corbera pararon o crono en 1:54.64 (+3.15).
PABLO CRESPO, CUARTO, E O K-4 500 FEMININO, QUINTO
Sen medalla quedaron Pablo Crespo, no C-1 500, e as padeeiras do K-4 500 feminino.
O pontevedrés clasificouse para a final do C-1 500 tras realizar un impecable Mundial, pero quedou ás portas do podio cun cuarto posto.
Crespo cruzou a liña de meta a +2.35 do brasileiro Isaquias Guimaraes, primeiro cun tempo de 1:45.88. O segundo e terceiro posto foi, respectivamente, para os moldavos Serghei Tarnovsch (+1.40) e Oleg Tarnovschi (+1.90).
Pola súa banda, no K-4 500 feminino,a pontevedresa Carolina García e a canguesa Teresa Portelacompartían equipo con Sara Ouzande e Estefanía Fernández, pero non tiveron o seu mellor día e tivéronse que conformar cun quinto posto na final da Copa do Mundo de Sprint Olímpico.
O barco español cruzou a meta 2.59 segundos por detrás das alemás, que foron primeiras. Segundas chegaron as polacas e terceiras as chinesas.