Diego Alonso e Lara Lois triunfan na primeira proba da Transgalaica

Pontevedra
27 de febreiro 2023

Decenas de corredores procedentes de Galicia, Asturias, León ou Portugal participaron nesta carreira de BTT que se celebrou en Carballedo

Primeira proba da Transgalaica 2023 celebrada en Carballedo
Primeira proba da Transgalaica 2023 celebrada en Carballedo / Concello de Cerdedo-Cotobade

Os ciclistas Diego Álvarez e Lara Lois fixéronse coa primeira proba da Transgalaica, disputada deste domingo 26 de febreiro nun circuito duns 60 quilómetros de lonxitude con punto de partida e chegada no bulevar da Chan  de Carballedo. O acto de entrega de trofeos contou coa presenza do alcalde, Jorge Cubela, quen salientou a importancia de recuperar, desde o punto de vista deportivo, esta carreira que ten no concello de Cerdedo-Cotobade o seu punto neurálxico.

Cubela agradeceu á organización que volvera contar con Cerdedo-Cotobade para celebrar a proba inicial e sinalou que esta actividade enche de dinamismo ao municipio ao tempo que supón un importante retorno económico de grande interese desde o punto de vista turístico e do sector da hostalería.

As clasificacións, que se puderon seguir en directo a través de Magna Timing, arroxaron como resultado da proba en categoría masculina a Diego Álvarez Alonso como primeiro clasificado, Manuel Piñeiro López,como segundo e a Carlos Cruz, como terceiro.

En canto á clasificación feminina, a primeira en pasar pola liña de meta foi Lara Lois García; a segunda, Susana Alonso Carballo e a terceira, Diseree Fernández Rey.

Os participantes salientaron a beleza da paisaxe por onde discorreu a proba que cualificaron dunha dificultade aceptable e previsible para este tipo de probas aínda que os corredores non so tiveron que combatir o frío senón que tamén se tiveron que enfrontar a numerosas avarías que se foron producindo ao longo da carreira.

Esta proba, que conta coa colaboración do Concello e da Federación Galega de Ciclismo, discorreu por un circuíto moi esixente e formado polas pistas de terra dos montes da contorna de Carballedo cunha lonxitude uns 30 quilómetros que se tiveron que cubrir en dúas voltas ata conformar uns 60 quilómetros nos que consistía a carreira. A carreira arrancou ás 9.30 horas e os ciclistas tiveron que sortear un desnivel acumulado duns 1.500 metros, sendo o observatorio, a 650 metros de altura, o punto máis elevado que tiveron que afrontar os corredores.

A Transgalaica 2023 é o circuíto de BTT máis importante do noroeste peninsular e conta coa participación dos mellores corredores galegos da modalidade así como outros procedentes de Asturias, Castela e León e de Portugal.

Ademais do concello de Cerdedo-Cotobade as outras sedes do circuíto serán Ames (12 de marzo), A Estrada (26 de marzo), Silleda (23 de abril) e a Estación de Montaña de Manzaneda que acollerá a proba final o 30 de abril.