Días despois, os triatletas seguen alucinando con Pontevedra: "Púxome a pel de galiña. É algo que lembrarei durante anos"

Pontevedra
27 de setembro 2023

O vivido na Gran Final das Series Mundiais de Pontevedra é algo que non se esquecerá con facilidade. Así o demostran as reaccións que os triatletas, nacionais e internacionais, foron publicando nas súas redes sociais nas horas posteriores ao evento, e na que eloxian o ambiente vivido nas rúas da Boa Vila co "público animando coma se non houbese un mañá"

Carrera elite masculina da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon en Pontevedra
Carrera elite masculina da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon en Pontevedra / Mosrey Fotografía

O vivido na Gran Final das Series Mundiais de Pontevedra é algo que non se esquecerá con facilidade. Tanto para o público presente, os veciños da cidade e para os propios deportistas. Así o demostran as reaccións que os triatletas, nacionais e internacionais, foron publicando nas súas redes sociais nas horas e días posteriores ao evento, e na que eloxian o ambiente vivido nas rúas da Boa Vila como algo único.

Un dos máis efusivos na súa reacción foi o surafricano Richard Murray, cuarto clasificado nos Xogos de Tokyo e que agora compite baixo a bandeira dos Países Baixos: "A multitude púxome a pel de galiña. É realmente algo que lembrarei durante anos. A todos os meus fans españois, holandeses e surafricanos que gritaron por min ata o final, moitas grazas!! Mantivéstesme a cen ata o final", explicou a través do seu perfil de instagram.

Pola súa banda o tamén surafricano Henri Schoeman afirmaba que a do sábado fora "unha carreira incrible en Pontevedra con algunhas multitudes tolas", palabras similares ás usadas polo australiano Matthew Hauser ao asegurar que "a multitude e o ambiente foron insuperables. Que privilexio ser parte diso".

O portugués Vasco Vilaça, que chegaba a Pontevedra uno dos candidatos ao título, recoñeceu ter adorado "o apoio aquí en Pontevedra", ademais de poder contar cos seus familiares e amigos presentes, mentres que a xaponesa Yuko Takahashi sinalou que "a multitude foi incrible".

Divertido mostrábase o húngaro Bence Bicsák explicando que "gocei cada minuto de carreira con Kristian Blummenfelt, a multitude animábao como maníacos e pensaba que tamén me animaban a min".

Tamén os triatletas nacionais escribiron nas súas redes sociais palabras de agradecemento á afección pontevedresa, empezando por unha das grandes figuras galegas como Antonio Serrat, que a pesar de non lograr o seu mellor resultado defendeu que a Gran Final de Pontevedra será "unha carreira que lembrarei toda a vida. Quedo con todo o agarimo do público animando coma se non houbese un mañá".

"Grazas á incrible multitude nas rúas de Pontevedra levanteime para terminar cunha carreira sólida", explicaba Sergio Baxter, que do mesmo xeito que Roberto Sánchez Mantecón agradecía ao público "por levarnos polo aire a meta nun día que non foi moi bo para nós".

Miriam Casillas pola súa banda daba as "grazas a todos os que me levastes polo aire ata a meta", con Anna Godoy recoñecendo que "foi incrible o vivido aquí".

Son só algúns dos exemplos do gran sabor de boca que deixaron as Series Mundiais de Tríatlon en Pontevedra, unha proba que será lembrada durante moito tempo.