Diagonais e verticalidade, a receita de Yago Iglesias para vencer o Rayo Cantabria

Pontevedra
20 de outubro 2024
Actualizado: 20:47

O técnico granate sinalou en rolda de prensa que "buscabamos verticalidade e balóns ao espazo", sendo o enfrontamento ante o Rayo Cantabria no que "máis diagonais fixemos"

20241020 Saiz pasaron entrenador yago iglesias 001
20241020 Saiz pasaron entrenador yago iglesias 001 /

O Pontevedra Club de Fútbol xa está a dous puntos do liderado despois davitoria conseguida en Pasarón fronte ao Rayo Cantabria.

O conxunto granate sabía da dificultade de gañarlle ao conxunto santanderino, especialmente despois de que se puxesen por diante cun gol no minuto 6 de xogo, pero os locais foron capaces de xerar e empatar na primeira parte, "que era o máis importante, e seguir insistindo na segunda para levar o partido a cabo até o final e conseguir o tres puntos", valorou Yago Iglesias ao finalizar o encontro.

De feito, o técnico sorprendeu en parte pola formulación realizada este domingo, con numerosas variacións máis aló do cambio no centro da defensa pola lesión de Churre.

Neste sentido, Iglesias indicou que os cambios saíron ben. "O Rayo Cantabria non ía vir a meterse atrás, aperta alto e a súa virtude é o bloque medio. Buscabamos xogar con extremos puros. En partidos anteriores optamos por meter a Iago e a Chiqui, independentemente de dereita ou esquerda. Hoxe, en cambio, buscabamos verticalidade. Na súa estrutura de 4-4-2 buscamos ter sempre xogadores por dentro, esta vez con Cambil e as baixadas de Dali, que sempre traballa, esfórzase e corre. Buscamos balóns ao espazo, outro non dá o perfil como el", sinalou.

Ademais, con Álex e Chiqui a perna natural "buscamos cambios de orientación, foi o partido que máis diagonais fixemos. Buscamos sorprender metendo a Marqués e adiantando a Álex, movemos a Garay á súa posición orixinal e Fontán no lateral dereito para dar consistencia defensiva con Marqués. Recibimos gol pronto, Marqués recibe cartón, así que metemos a Rufo e cambiamos a Dali por fora, de extremo puro, para buscar chegadas", recoñeceu o adestrador.

En canto ao gol recibido, Yago Iglesias segue insistindo en que o seu equipo peca de non cortar os contragolpes con faltas. De feito é que o tanto do Rayo Cantabria chega dunha situación dun ataque do Pontevedra e a posterior transición do rival. "Hai que tentar facer faltas e cortar en campo contrario, por iso xogamos con Cambil. Ten percorrido físico e buscamos liberar a Iago e Yelko", sinalou. A suplencia de Samu, neste caso, foi porque ten catro cartóns. Aínda así, o técnico admitiu que a xogada do gol rival "ten mérito" e foi "moi boa", valorando especialmente o recorte dentro da área e o chute ao pau curto coa perna mala do dianteiro.

Por último, Iglesias agradeceu as desculpas tanto do Escobedo como do seu xogador, "que puido calar" e destacou o valor e historia de Churre dentro do equipo xa que, "aínda que perdemos un xogador no campo, el segue dando boa vibra. Hoxe a vitoria é un pouco por el".