Dez minutos abondan ao Pontevedra para dobregar (3-1) a un inocente Cultural Areas

Pontevedra
15 de setembro 2013

O  Pontevedra CF obtivo unha cómoda vitoria grazas aos goles de Fran Fandiño e Miguel na primeira parte e o tanto de Pablo Carnero nos últimos minutos do choque. Por parte do Cultural Areas marcou Couso nun fallo do gardameta granate Paco. Os locais, aínda xogando a refachos, dispuxeron de innumerables ocasións para conseguir unha goleada máis ampla

Dez minutos poden non ser nada ou parecer unha eternidade. Isto último debeu pensar o Cultural de Areas, a quen neses primeiros dez minutos de partido o Pontevedra lle xerara máis ocasións de gol que nos tres partidos anteriores de liga xuntos.

Os granates foron un vendaval, si, pero hai que dicir que para iso contaron coa inocencia dunha defensa visitante amable onde as haxa, que cada acción a balón parado sobre a súa área permitía unha ocasión de gol. Defensa e porteiro, porque Adrián estivo excepcional baixo paus, salvando o seu equipo dunha goleada de escándalo con intervencións prodixiosas, pero tamén permitindo remates na área de meta por ese costume que teñen algúns porteiros que fai que se un día cae o longueiro da súa portaría haxa moitas opcións de que o pille debaixo.

Dous goles en dez minutos e a posibilidade clara de polo menos outros dous máis. Todo facía presaxiar unha vitoria cómoda e folgada dun Pontevedra que encontrou o seu referente ofensivo co debut de Pablo Carnero, quen achegou centímetros e abriu espazos aos seus compañeiros. Ben acompañado por un fenomenal Fran Fandiño e un intenso Tubo, coa calidade no toque de Santi Domínguez, que o Cultural Areas chegase con opcións ata o final unicamente explícase a medias entre o habitual regalo, neste caso do porteiro Paco, e a falta de continuidade no xogo, con fases de conformismo, dun Pontevedra en versión mellorada das tres xornadas anteriores, aínda que sen alardes.

Miguel sería o encargado de abrir as hostilidades. Era o minuto 7 de partido, e Adrián respondeu cunha gran parada, sacando o remate a queimarroupa. Pero poucos segundos máis tarde non podería cun bo centro de Santi Domínguez que peitea Tubo no primeiro pau, para que Fran Fandiño no segundo fusile dende preto e sen oposición.

Case estabamos na celebración cando chega o segundo. Unha falta ben lanzada por Santi Domínguez permite a Miguel adiantarse de cabeza no punto de penalti para poñer o balón na escuadra, mentres a zaga visitante pretendía defender coa mirada.

Nova xogada a balón parado e nova ocasión de gol para Fran Fandiño, que remata de cabeza a pracer, pero Adrián a saca baixo paus co pé. O dito, máis ocasións en dez minutos que en tres partidos anteriores.

E a cousa puido ser peor cando, superada a media hora, de novo Fran Fandiño se converte en protagonista soltando un disparo espectacular dende a frontal que se estrela na travesa.

Pero nestas andabamos, co Pontevedra alternando fases de dominio e intensidade con outras de lixeiro adormecemento, que un centro sen perigo enviado por Arenas directo ás mans de Paco, se lle escapa o porteiro granate, quizais cegado polo sol, e Couso de cabeza reducía distancias. Un inocente erro que metía ao Cultural Areas no partido na súa única acción que nin sequera se podería considerar de perigo.

O curto resultado, máis que o xogo do rival, xeraron certa inquietude sen fundamento, por canto a segunda parte foi unha sucesión de ocasións malogradas, ben por falta de puntaría ou polo acerto do meta visitante Adrián.

Os granates seguiron xogando a refachos, pero era suficiente. Fran Fandiño puido marcar de novo no 48, centro de Tubo, pero mandaría fóra o balón. Intentouno Pablo de cabeza, á saída dun corner, encontrándose con Adrián (minuto 60). E máis claro aínda o tivo Pablo Carnero (minuto 67), pero no seu empeño por buscar a Luismi rematou por mandar o balón fóra, cando estaba só ante o meta.

O Cultural Áreas rematou o partido en inferioridade por expulsión de Samuel no minuto 69

Non chegaba a sentenza, pero si a expulsión por dobre amarela do central visitante Samuel. E se poucas opcións tiña o Cultural Areas, aí remataron. Tubo e Miguel encóntranse novamente no espazo dun minuto cun Adrián espectacular (minuto 80), antes de que chegase a xogada mellor trenzada de todo o partido (minuto 88), entre Candela, Luismi e Pablo Carnero, que triangularon ata o fondo da cociña visitante para que o debutante Pablo Carnero estrease a súa conta e pechase definitivamente un partido que puido rematar cunha contundente goleada.

PONTEVEDRA C.F. (3): Paco (0); Adrián (1), Pablo (1), Miguel (2), David Feito (2); Tubo (3), Candela (2), David García (2), Fran Fandiño (3); Santi Domínguez (2) e Pablo Carnero (3).

Substitucións: Luismi (1) por Santi Domínguez, minuto 64. David Pérez (1) por Fran Fandiño, minuto 76. Pablo Lede (1) por David García, minuto 77.

CULTURAL AREAS (1): Adrián (3); Damián (2), Samuel (1), Sito (1), Alberto Rey (1); Pichi (1), Cañi (1); Couso (1), Carlos Pereira (1), Arenas (1); e David (2).

Substitucións: Fonseca (1) por Cañi, minuto 65. Portas (1) por Alberto Rey, minuto 68. Alberto (1) por Couso, minuto 75.

Árbitro: Iván Domínguez de Bernardi (A Coruña), auxiliado nas bandas por Juan Orozco e Alexandre López. Expulsou por dobre amoestación a Samuel (minuto 69). Amoestou a Miguel, Fran Fandiño, Alberto Rey e Pichi.

Goles: (1-0) Minuto 7: Centro de Santi Domínguez que peitea Tubo e Fran Fandiño fusila no segundo pau. (2-0) Minuto 10: Falta que lanza Santi Domínguez e Miguel, no punto de penalti, anticípase de cabeza poñendo o balón na escuadra. (2-1) Minuto 37: Centro sen perigo de Arenas que se lle escapa entre as mans a Paco e Couso de cabeza aproveita para marcar a porta baleira. (3-1) Minuto 88: A mellor xogada do partido con perfecta combinación entre Candela, Carnero e Luismi, quen cede finalmente ao propio Pablo Carnero para que marque a pracer

Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón: Uns 1.000 espectadores. Gardouse un minuto de silencio antes do inicio do partido en memoria do que fose xogador do equipo fundacional do Pontevedra Telesforo Lorenzo Gama "Foro".

VESTIARIOS:

JULIO ÁLVAREZ-BUYLLA: O técnico visitante lamentábase do mal inicio de partido que tivera o seu equipo: "Saímos con pouca intensidade defensiva e o Pontevedra soubo aproveitarse diso. Neste campo verte cun 2-0 xa no minuto 10 complícate moito as cousas. Malia todo fomos capaces de meternos no partido, pero logo a expulsión xa matounos e eles tiveron ocasións ao final para marcar máis. Esta non é a nosa liga, evidentemente. O Pontevedra ten xogadores con moita calidade de medio campo para arriba, soubo xerar eses goles tan pronto, co que o partido se lle puxo bastante de cara. ÿ un equipo que por calidade vai estar arriba. Creo que na expulsión o árbitro estivo moi rigoroso, contactos deses houbo moitos".

NANDO: Bastante máis contento que en xornadas anteriores estaba Nando. Notábaselle no ton de voz e no xesto: "Púxosenos o partido moi de cara, pero sempre hai cousas que mellorar, porque parece que estamos afeitos a sufrir. Cando non é o contrario somos nós. O fútbol ten estas cousas, un erro do noso porteiro démoslle un pouco de vida ao rival, pero afortunadamente o equipo non se veu abaixo, como aconteceu o día do Villalbés, os xogadores soltáronse un pouco máis e fixemos méritos para que o resultado fose máis folgado".

Nando: "Antes de empezar díxenlles a algúns xogadores que pensasen que estabamos a xogar fóra de casa"

Tamén quixo referirse á presión que poden sentir algúns xogadores ao actuar en Pasarón: "Antes de empezar díxenlles a algúns xogadores que pensasen que estabamos a xogar fóra de casa, que se esquecesen da presión, porque lles coñezo e sei que poden dar moito máis do que estaban a dar. Se as cousas saen ben van ter aplausos e se saen mal coma se xogásemos fora de casa, para que puidesen con esa presión. A confianza dana os resultados. Tamén é importante xogar ao fútbol, si, pero ao final o que valen son os resultados. Hoxe vin dous xogadores que estiveron moi ben e que se deixaron todo no campo, como Fran Fandiño e Tubo. Candela soubo estar no centro do campo e Pablo Carnero para ser o seu primeiro partido estivo máis que correcto e vai polo camiño do que lle pido".