Dez circuítos diferentes e un mes para completalos, a aposta para unha "Rara, pero San Silvestre"

Pontevedra
11 de decembro 2020

"Rara, pero San Silvestre". Así describen os seus organizadores o formato especial que terá este ano a carreira coa que tradicionalmente Pontevedra despide o ano. Haberá ata dez circuítos diferentes que se poderán completar durante un mes

Presentación da "Rara, pero San Silvestre" de Pontevedra
Presentación da "Rara, pero San Silvestre" de Pontevedra / Mónica Patxot

"Rara, pero San Silvestre". Así describen os seus organizadores o formato especial que terá este ano a carreira coa que tradicionalmente Pontevedra despide o ano. Haberá ata dez circuítos diferentes que se poderán completar durante un mes.

Os detalles desta proba deportiva foron presentados polo concelleiro de Deportes, Tino Fernández, a presidenta da Sociedad Gimnástica, Charo Castro, e os codirectores da carreira, Víctor Riobó e Santi Ferrer, nun acto celebrado na Ponte do Burgo.

De aí sairá un destes dez circuítos que, segundo explicaron, suman 37 quilómetros e que se poderán percorrer en solitario ou en familia entre o 15 de decembro e o 15 de xaneiro.

Os diferentes itinerarios son:

  • 1. Illa das Esculturas-Avenida de Bos Aires (4.600 metros)
  • 2. A Xunqueira de Alba (3.800 metros). 
  • 3. Ponte do Burgo-Ponte dos Tirantes (1.000 metros) 
  • 4. Miradoiro da avenida de Marín-Ponte dos Tirantes (5.000 metros) 
  • 5. Alameda-As Palmeiras (1.200 metros)
  • 6. Senda dos Gafos (8.400 metros)
  • 7. O Gorgullón-Os Gafos (1.600 metros)
  • 8. Parque do Miradoiro (1.400 metros)
  • 9. Senda do Lérez (8.000 metros)
  • 10. O Pontillón do Castro (3.360 metros)

 

Un plano guía, denominado MetroSilvestre e que segue a estética e filosofía do MetroMinuto de Pontevedra, condensará nunha mesma publicación as dez propostas de itinerarios coas súas distancias en metros e tempo camiñando, que oscilan entre os 12 e os 101 minutos.

As inscricións para esta San Silvestre tan particular poden realizarse a través da páxina web da Gimnástica. A actividade poderá rexistrarse posteriormente a través do mesmo xeito ou escaneando os códigos QR que se instalarán nas sinalizacións dos circuítos.

Ademais, poderanse completar os circuítos que se queiran e só por participar, entrarase en diversos sorteos ao longo do mes que durará a proba. Cantos máis circuítos se rexistren, máis posibilidades haberá de conseguir premios, explicaron os organizadores.

Víctor Riobó asegura estar "convencido" de que aínda que este Nadal "non imos poder gozar de esa espectacular imaxe da tradicional saída multitudinaria dende a avenida de Montero Ríos", a San Silvestre terá o maior número de participantes da súa historia.

A este respecto, desde a Concellería de Deportes proporán que cada participante no programa #RaraPeroSanSilvestre acumule un mínimo de 195 quilómetros, aproximadamente 300.000 pasos, percorrendo os circuítos marcados durante un mes, superando así a recomendación da Organización Mundial da Saúde (OMS) de camiñar un mínimo de 10.000 pasos diarios

Pese ás circunstancias da covid-19, apuntou o socialista Tino Fernández, "o importante segue a ser movernos e por iso organizamos esta carreira, que se pode completar correndo, camiñando, en bici, en cadeira de rodas ou en calquera medio de mobilidade activa, sempre pensando en todos e todas, en non perder o sorriso e en facela con sentidiño".

Pola súa banda, a presidenta da Gimnástica, Charo Castro, destacou que "a razón de ser" da San Silvestre radica na súa "dimensión social" e, neste sentido, colaborarán co Banco de Alimentos, a través de achegas directas e de liñas de merchandising. 

Ademais, subliñou que a pesar de que non haberá as aglomeracións doutros anos polo cambio de formato, "seguirá sendo moi importante respectar as medidas hixiénico-sanitarias actuais", principalmente a recomendación de actividade física ao aire libre de xeito individual ou o máximo de catro persoas, sexan ou non conviventes.