Desvelados os horarios da segunda volta de liga do Pontevedra, con ata cinco sábados de fútbol en Pasarón

Pontevedra
09 de xaneiro 2023

A Real Federación Española de Fútbol deu a coñecer os horarios de toda a segunda volta da competición na Primeira RFEF fóra das dúas últimas xornadas, ante a previsión de que se poidan unificar

Partido de Primeira Federación entre o Pontevedra e o Rayo Majadahonda disputado en Pasarón
Partido de Primeira Federación entre o Pontevedra e o Rayo Majadahonda disputado en Pasarón / Cristina Saiz

O Pontevedra Club de Fútbol e os seus afeccionados coñeceron este luns os horarios de toda a segunda volta da competición na Primeira RFEF, fóra das dúas últimas xornadas ante a previsión de que se poidan unificar.

A Real Federación Españoal de Fútbol desvelou unha das informacións máis esperadas para os seguidores que queren acompañar ao seu equipo non só na casa senón fóra dela, e que deparou algunha que outra sorpresa para os granates.

Xa viña sendo unha constante esta tempada, pero o raro empeza a ser poder xogar os domingos ás 17.00 horas debido ás esixencias da televisión. De feito no que respecta a os partidos no Estadio Municipal de Pasarón, o Pontevedra afrontará ata cinco deles en sábado, ademais dalgún domingo matinal e tamén de última hora (19.00 horas).

Cabe lembrar que se trata dun calendario asimétrico en relación coa primeira metade da tempada, cunha segunda volta (aínda resta por afrontar o último choque da primeira con visita ao feudo de Unionistas este sábado día 14 de xaneiro) que dará comezo o 22 de xaneiro a domicilio no campo da Balompédica Linense (12.00 horas).

O primeiro choque na casa traerá consigo a visita do Real Madrid Castilla o domingo 29 de xaneiro (17.00 horas), chegando despois o desprazamento máis próximo do curso ante o filial do Celta de Vigo o domingo 5 de febreiro (17.00 horas).

En cuantro aos duelos en sábado, serán así na xornada 23 contra a Cultural Leonesa (11 de febreiro ás 19.00 horas), a 27 contra o Algeciras (sábado 11 de marzo ás 19.00 horas), na 28 contra o Linares (18 de marzo ás 16.00 horas), na xornada 32 contra o Mérida (16 de abril ás 19.00 horas) e a 36 ante Unionistas (13 de maio ás 19.00 horas).

Ademais o Ceuta visitará Pasarón un domingo ás 12.00 horas (26 de febreiro) e o Córdoba un domingo ás 19.00 horas (2 de abril).

Tamén está apuntado en vermello no calendario o derbi fronte ao Racing de Ferrol na Malata, fixado para o domingo 19 de febreiro (17.00 horas), mentres que a visita do Real Club Deportivo a Pasarón, ao ser na última xornada de liga, é o único partido na casa aínda sen data concreta.

Consulta aquí o calendario completo con horarios da segunda volta da Primeira RFEF.