Foi un asunto que pasou case desapercibido entre todos os datos ofrecidos na Xunta Xeral de Accionistas do Pontevedra Club de Fútbol, e é que nin sequera se contabilizaba aínda nas contas expostas pola entidade granate xa que se correspondían á tempada 22/23. Con todo por primeira vez deuse luz ao custo do cambio de céspede acometido no verán no Estadio Municipal de Pasarón.
Na quenda de rogos e preguntas a presidenta do Pontevedra, Lupe Murillo, recoñeceu en resposta a unha accionista que "fixemos un investimento no cambio do céspede de 175.000 euros".
A máxima dirixente granate sinalou ademais que "de momento o asumiu o club", aínda que "estamos pendentes de recibir subvencións".
Neste sentido o Concello de Pontevedra aprobou en Pleno o pasado mes de outubro unha modificación de crédito que incluía 75.000 euros de partida para o cambio do terreo de xogo do estadio, mentres que a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia outorgou ao club pontevedrés 25.000 euros na súa liña de axudas para a mellora de instalacións deportivas. Tamén se espera poder recibir algunha partida específica da Deputación.
A empresa Royalverd foi a encargada de realizar o cambio de céspede do Estadio Municipal de Pasarón o pasado mes de agosto, cunhas obras que consistiron na renovación da primeira capa subterránea con achega de terra e area e a instalación de novos tepes de herba natural.