O Club Bádminton Ravachol Pontevedra xa coñece o camiño que lle espera na tempada do seu debut na División de Honra, despois de que a Federación Española de Bádminton sortease o calendario da competición.
A liga comezará para o conxunto pontevedrés o 5 de setembro a domicilio contra o CB San Fernando Valencia, e estrearase como local o 19 de setembro fronte ao CB Oviedo, un dos grandes da categoría.
A sorpresa tanto para o Ravachol como para o resto de equipos da categoría estivo na ausencia do actual campión de liga o IES La Orden de Huelva, que foi excluído da competición por non inscribirse en tempo e forma, ocupando a súa praza o CB Alicante.
Desta forma o Bádminton Pontevedra viaxará ao longo do ano a cidades como Valencia, Málaga, Xaén, Alacante, Oviedo, Eivissa e Sevilla.
"A exclusión do CB IES La Orden foi unha sorpresa completamente inesperada, puiden falar con algún dos responsables do club e evidentemente están afundidos, xa que un erro humano envioulles de División de Honra á terceira categoría nacional, aínda que é certo que sen eles a liga estará máis aberta, xa que estaban un punto por encima de todos os demais", explicou o directo deportivo do club, Jesús Pereiro.
O tamén adestrador do primeiro plantel incidiu en que "este proxecto está baseado na ilusión, os xogadores son como unha gran familia e estanse envorcando co equipo, sacando horas de onde sexa para poder adestrar máis á vez que traballan e estudan, con iso e o plus que nos dan as fichaxes xa confirmadas e algún que está por chegar, esperamos facer un bo papel e deixar o nome de Pontevedra e de Galicia o mais alto posible".