Despexada a incógnita da fase final de Copa para o Poio Pescamar, que se medirá en semifinais ao Universidad de Alicante

Poio
01 de decembro 2020

A fase final da Copa da Raíña, que poderá seguirse en directo a través de Teledeporte, disputarase entre o 18 e o 20 de decembro en Málaga conxuntamente coa competición masculina

Partido entre Poio Pescamar e Roldán na Seca
Partido entre Poio Pescamar e Roldán na Seca / Cristina Saiz

É unha das citas nas que maiores esperanzas e ilusión ten depositado o Poio Pescamar esta tempada, coa esperanza de loitar polo que sería o seu primeiro título oficial de categoría nacional.

Despois de moitos meses de espera debido ao seu aprazamento, e a só unhas semanas para a súa celebración, o conxunto vermello xa coñece o seu rival e tamén a sede na Final a 4 da Copa da Raíña.

Segundo desvelou este martes a Real Federación Española de Fútbol nun acto celebrado nas súas instalacións de Las Rozas, tanto a fase final copeira feminina como a masculina disputaranse do 18 ao 20 de decembro no pavillón Martín Carpena da cidade de Málaga.

Ata alí deberá desprazarse un Poio Pescamar que terá como opoñente nas semifinais ao Universidad de Alicante, actual cuarto clasificado do Grupo B na Primeira División. 

Este partido fixouse para o venres 18 de decembro ás 16.00 horas, e do mesmo xeito que o resto da competición poderá seguirse en directo a través de  Teledeporte.

De avanzar ata o encontro definitivo, o conxunto adestrado por Manu Cossío vería as caras na final co vencedor do encontro entre Pescados Rubén Burela e  Alcorcón, os outros dous semifinalistas.