Despedida cruel para Fernando Echávarri ao quedar a un paso da Medal Race

Pontevedra
15 de agosto 2016

O regatista pontevedrés e a súa compañeira no Nacra 17, Tara Pacheco, continuaron coa súa remontada particular no último día das clasificatorias pero finalizaron undécimos, empatados a puntos cos décimos, e non estarán na regata definitiva polas medallas

Fernando Echávarri e Tara Pacheco na primeira xornada dos Xogos Olímpicos de Río
Fernando Echávarri e Tara Pacheco na primeira xornada dos Xogos Olímpicos de Río

Foi o seu mellor día de competición en Río para continuar coa remontada que esperaban lles levase ata a Medal Race do martes, pero quedaron a só un paso.

Fernando Echávarri e a súa compañeira no Nacra 17 de vela, a canaria Tara Pacheco, finalizaron a súa participación olímpica ao concluír as regatas de clasificación na undécima praza.

Despídense dunha maneira cruel, xa que tras un cuarto, un décimo e un sexto posto parcial no seu cuarto día de competición quedaron empatados cos décimos da xeral, última posición para disputar a regata polas medallas.

Finalmente foron os brasileiros Samuel Albercht e Isabel Swan os que pasaron o corte, por asinar un triunfo parcial, deixando ao regatista pontevedrés co mel nos beizos e coa sensación de que tiñan nivel para estar entre as mellores embarcacións da categoría.