Despedida amarga de Liga Asobal para un Cisne que non puido co Logroño (33-32)

Pontevedra
03 de xuño 2023

Tarde de despedidas a vivida este sábado no Palacio de los Deportes de la Rioja, onde Balonmano Logroño e Club Cisne Balonmano disputaron o último encontro da tempada que concluíu con vitoria para os locais por 33-32    

Partido de Liga Asobal entre Logroño e Cisne
Partido de Liga Asobal entre Logroño e Cisne / Rodrigo Delpueyo

Tarde de despedidas a vivida este sábado no Palacio de los Deportes de la Rioja, onde Balonmano Logroño e Club Cisne Balonmano disputaron o último encontro da tempada que concluíu con vitoria para os locais por 33-32.

Din adeus os pontevedreses desta forma á liga Asobal, a Carlos Álvarez, Álex Chan e tamén ao seu adestrador, Javier Márquez, que non continuarán no club branco a próxima campaña na que militarán en División Honra Prata.

Iniciou o encontro o Cisne cun parcial de 2-4 que enseguida foi respondido polo Logroño, apoiado no seu gardameta Jorge Pérez, que se fixo grande baixo paus, e freou as chegadas dos brancos. Os seus, mentres, volteaban o resultado cun 4-0 que colocaba o 6-4 cando non se cumpriron o primeiros dez minutos de xogo.

Cun dobrete de Álex Chan o cadro pontevedrés devolveu o empate e deu paso aos instantes de maior igualdade nos que a diferenza foi tan só dun gol. E só o Cisne, a falta de dous minutos para a conclusión do primeiro tempo, ampliou o colchón a dous goles (14-16), pero os locais reaccionaron xusto a tempo para enviar o partido ao descanso en 16-17.

Saltou errático á cancha o Logroño dos vestiarios e os brancos castigáronos cun 0-2 por parte de Furtado e Carlos Álvarez co que o Cisne asinaba a maior renda do encontro (16-19).

Aos poucos fóronse entoando os rioxanos, que aproveitaron a falta de precisión do conxunto pontevedrés en ataque para facer o empate a 22 no minuto dez, pero seguían sendo os de Javi Márquez os que mandaban no luminoso.

Quedaban cinco minutos para a conclusión e o resultado era de 31-31. O ritmo baixo, que xa marcara sen dúbida o partido, notouse aínda máis na recta final, instantes nos que ambos os técnicos aproveitaron para facer rotacións e dar minutos aos menos habituais. Errou Pombo o lanzamento para o Cisne, e Javi García fixo o gol co que Logroño voltease o marcador por primeira vez nesta segunda metade e que permitiu ao seu equipo manterse con esa pequena vantaxe que lles deu o triunfo por 33-32.

Consulta as estatísticas nesta ligazón