Desastre dun irrecoñecible e débil Pontevedra fronte ao Atlético Madrid B (1-5)

Pontevedra
06 de outubro 2019

Desacertado, fráxil defensivamente, desaparecido en ataque. En resumo, unha caricatura de equipo. Iso foi o Ponntevedra fronte a un Atlético de Madrid B ao que unicamente lle fixo falta esperar a fervenza de erros defensivos granates para golear e ridiculizar a un conxunto que deu unha das peores imaxes que se lembran nun partido de liga en Pasarón

Partido de liga entre Pontevedra e Atlético Madrid B en Pasarón
Partido de liga entre Pontevedra e Atlético Madrid B en Pasarón / Diego Torrado
"Luismi" adestrador do Pontevedra Club de Fútbol /

Desacertado, fráxil defensivamente, desaparecido en ataque. En resumo, unha caricatura de equipo. Iso foi o Ponntevedra fronte a un Atlético de Madrid B ao que unicamente lle fixo falta esperar a fervenza de erros defensivos granates para golear e ridiculizar a un conxunto que deu unha das peores imaxes que se lembran nun partido de liga en Pasarón.

Decepción e grande para deixar paso ao consolo e a esperanza de que se tratou unicamente dun accidente deportivo. O contrario sería botar por terra demasiado pronto os obxectivos da tempada que, visto o visto, ou moito cambian as cousas, ou se antollan moi lonxe das posibilidades deste equipo.

Non pasara máis nada que unha lixeira declaración de intencións, cando a primeira vez que o balón chegaba a unha das áreas terminaba no fondo da portería. Foi nun centro sen aparente perigo desde a esquerda de Germán, que tras saír "mordido" termina nas botas de Darío, incomprensiblemente libre de marca, para que coa espuela desvíe a traxectoria colocando o balón lonxe do alcance de Edu.

Puido empatar o Pontevedra case a continuación, pero Romay non aproveitou a devolución do agasallo que lle fixo a defensa madrileña, e só ante Diego mandou o balón aos pés do porteiro visitante. Un sacou proveito máximo e o outro non. Diferenzas que marcan a distancia entre gañar e perder.

E xa que a cousa ía de "agasallos" defensivos ou facilidades, a zaga granate seguiu "xenerosa". Primeiro permitiu o remate de Germán, que obrigou a Edu a empregarse a fondo para mandar o balón a corner, e logo "defendeu coa mirada" un centro lateral de Sanabria que rematou de cabeza Óscar, chegando desde atrás e anticipándose a Pol e Edu, que saíra en falso, para marcar o segundo a porta baleira.

Non terminou aí a cousa, xa que a indolencia defensiva granate permitiu pouco despois un "paseo" de Manu polo balcón da área, ata terminar atraendo a Edu para logo ceder o balón a Darío, en posición dubidosa, para que marcase a porta baleira, aumentando o desconcerto local e o enfado nunha bancada que vía como o seu equipo era unha caricatura, sen orde non concerto e unha posta en escena de xeito evidente errónea e desafortunada, na que ninguén parecía ter claro o que debía facer.

Con 0-3 en menos de media hora, Luismi tentou corrixir o despropósito, aínda á conta de "sinalar" a un Sana errático e desafortunado, pero non peor que bastantes dos seus compañeiros. Retirou ao medio centro, atrasando a Romay para encargarlle a tarefa de poñer orde na construción, dando entrada a Adiguibe para xogar con dous dianteiros.

Foi igual, o primeiro tempo consumiuse sen que os granates volvesen dar sensación de poder dar a volta á decoración. Ao contrario, eran os colchoneiros os que cada vez que se facían co balón parecían estar en condicións de ampliar a súa cómoda renda. E sen facer gran cousa, só aproveitar as facilidades que lles regalaron, iso si, coas ideas moi claras: orde defensiva e acerto nas chegadas facilitadas por unha defensa de manteiga e un centro do campo inexistente.

Puido meterse o Pontevedra no partido ao pouco de comezar a segunda parte, pero Adiguibe non aproveitou un gran centro de Javi Pazos e o seu remate de cabeza sacouno Diego.

E como as desgrazas case nunca veñen soas, Edu con molestias viuse obrigado a deixar o seu posto a Brian, que non puido ter un debut máis desafortunado xa que o primeiro balón que chegou á súa área terminou dentro da súa portería nun remate raso e cruzado de Óscar, que aproveitou un balón solto e defendido con absoluta falta de contundencia pola defensa local.

Pero non terminou aí a desventura do recentemente ingresado gardameta, xa que só dous minutos máis tarde cometía un erro gravísimo, regalando o quinto tanto aos madrileños. Fíxoo ao ir despexar un balón franco, pero tardando tanto que deu tempo a Darío a poñer a bota, bloqueando o despexe de forma que o coiro marchouse lentamente ao fondo da portería granate ante a desesperación de todos e a alegría dun equipo visitante que non se podía crer tanta xenerosidade. Os branquivermellos chegaran 6 veces para conseguir 5 goles.

E puideron ser máis. Brian evitou o sexto, resarcíndose en parte do seu erro anterior, nun man a man con Óscar, mentres Riquelme seguía facendo das súas ata converterse nun pesadelo para os desafortunados defensores granates. Ambos foron substituídos polo técnico madrileño, que non quixo facer máis sangue, retirándose no medio dos aplausos da bancada, que soubo recoñecer os méritos de ambos os xogadores.

A última media hora de partido foi un martirio para a afección e unha permanente impotencia para un equipo incapaz de xerar absolutamente nada, perdido na mediocridade e carente de recursos que terminou encaixando unha das goleadas máis duras que se lembran en Pasarón, maquillada lixeiramente ao final co gol do Javi López, nun lanzamento de falta desde a frontal da área.

PONTEVEDRA CF (1): Edu (Brian, minuto 52); Santi, Pedro Vázquez, Pol Bueso, Álex González; Sana (Adighibe, minuto 33), Mejía; Álvaro Bustos, Romay, Pedro Vázquez (Javi López, minuto 58); e Javi Pazos.

ATLÉTICO DE MADRID "B" (5): Diego; Solano, Mejías, Álvaro, Manu; Toni Moya, Sanabria; Riquelme, Óscar (Isaac, minuto 64), Germán (Medrano, minuto 60); e Darío.

Árbitro: Fernando Román Román (Castela-León), auxiliado nas bandas por Rubén Díez Díez e Elena Peláez Arnillas. Non mostrou tarxetas.

Goles: (0-1) Minuto 12: Darío. (0-2) Minuto 24: Óscar. (0-3) Minuto 29: Darío. (0-4) Minuto 53: Óscar. (0-5) Minuto 55) Darío. (1-5) Minuto 82: Javi López

Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 2.500 espectadores.