Combarro foi escenario este sábado da segunda cita do DepoDesafío 2019 impulsado pola Deputación de Pontevedra.
Ao redor de 150 deportistas déronse cita no peirao da Chousa para competir nunha travesía a nado de 1.500 metros de percorrido.
Se na primeira proba do calendario, unha carreira de BTT nas Neves, os gañadores foran Iria Campos e David Castro, nesta ocasión os máis rápidos foron Enrique Touza na categoría masculina, cun tempo de 30 minutos e 20 segundos, e Cristina García na feminina, tras 31 minutos e 19 segundos.
Ao final das 5 citas do DepoDesafío 2019 proclamaranse un gañador e unha gañadora entre as persoas que participasen como mínimo en catro eventos, tendo como premio a inscrición e viaxe ao Maratón de Berlín.
Á travesía a nado de Combarro seguiranlle unha carreira a pé nocturna en Vilagarcía (27 de xullo), un trail en Cuntis (8 de setembro) e, por último, un tríatlon en Vigo (a comezos de outubro).