Derrubando tabús coa natación artística masculina

Pontevedra
09 de novembro 2021

Un xove nadador do Galaico Sincro pontevedrés, de só 10 anos, foi convocado para participar nas Xornadas Técnicas Masculinas da Real Federación Española de Natación

Iván González xunta ás súas adestradoras, Mª Jesús Refojo e Victoria Bogma
Iván González xunta ás súas adestradoras, Mª Jesús Refojo e Victoria Bogma / Club Galaico Sincro

Durante anos a natación artística foi terreo case exclusivo para nenas e mulleres, pero iso aos poucos foi cambiando para permitir gozar deste bonito deporte a todo o mundo, independentemente do seu xénero.

Os tabús van caendo aos poucos e no Galaico Sincro traballan para que así sexa, tanto é así que un dos seus nadadores foi convidado a participar nas Xornadas Técnicas Masculinas da Real Federación Española de Natación, que se organizarán os días 11, 12 e 13 de decembro.

Trátase dunhas xornadas de adestramento destinadas a nadadores masculinos nados entre o ano 2006 e 2013.

O representante pontevedrés nestas sesións será Iván González, deportista de só 10 anos de idade que comezou a súa andaina na natación artística o curso pasado, sinalan desde o seu club, tras anos practicando natación na piscina de Rías do Sur.

Despois de meses de adestramento e preparación, a nova promesa pontevedresa someteuse a controis de nivel e figuras que superou satisfactoriamente.

A recompensa ao seu traballo será poder gozar desta oportunidade xunto ás súas adestradoras, Mª Jesús Refojo e Victoria Bogma.