Derrotas de Arosa e Villalonga fronte a Alondras e Estradense

O Salnés
12 de xaneiro 2025

Arosa e Villalonga pechan a primeira volta con derrotas fronte a Alondras e Estradense. Os arlequinados caeron por 2-0 e os de Sanxenxo por 1-0

Alondras - Arosa
Alondras - Arosa / Arosa

O Arosa non puido manter a súa serie de sete vitorias consecutivas a domicilio e caeu derrotado por 2-0 ante o Alondras no encontro que pechaba a primeira volta.

Os de Míchel Alonso, ademais, chegaban á cita buscando reencontrarse co triunfo tras dous empates consecutivos na Lombra para así non descolgarse da parte alta da táboa.

Con todo, foi o Alondras, no segundo tempo, o que tivo maior acerto de face a gol. No minuto 60 Roi Tato abriu o marcador e, aínda que o Arosa tratou de atopar o tanto do empate, foi o conxunto local o que sentenciou, no 78, co gol de Fran López.

ESTRADENSE 1-0 VILLALONGA

O Villalonga tampouco puido atopase co triunfo e caeu en casa dun Estradense que se coloca terceiro na táboa a tan só tres puntos do líder UD Ourense.

Tras unha primeira parte sen goles, foi o conxunto local o que atopou a chave do gol no minuto 75.

Miguel Fernández foi o encargado de anotar o único tanto dun encontro no que o os de Sanxenxo tentaron puntuar, pero acabaron morrendo na beira.