Derrota no último suspiro do Cisne en Alcobendas

Pontevedra
16 de novembro 2024
Actualizado: 23:06

O equipo pontevedrés tivo a última posesión para gañar a falta de menos de medio minuto, pero uns pasos de Gualther Furtado propiciaron o contragolpe que supuxo o 29-28 final para os locais

Marcos Otero 'Quiños', adestrador do Cisne
Marcos Otero 'Quiños', adestrador do Cisne /

Dura derrota a sufrida este sábado polo Club Cisne Balonmán na pista do Balonmano Alcobendas (29-28).

Os pontevedreses, nun duelo de alternativas, fixeron un exercicio de resistencia para chegar con opcións ao final do choque, e gozaron da posesión decisiva en ataque a falta de só 27 segundos. Con todo uns pasos de Gualther Furtado permitiron un contragolpe final dos locais case sobre a bucina para levar o triunfo.

Con tanta igualdade como na clasificación da División de Honra Prata (separáballes un só punto antes do partido) empezou o choque no Pabellón de los Sueños de Alcobendas. Foi así ata que aos 7 minutos unha exclusión do local Iker Aguilera permitía o primeiro arreón pontevedrés con dous goles de Furtado e outro de Mateo Arias que puñan o 4-7 no marcador.

Os locais non puxeron nerviosos e devolveron rápido a igualdade (8-8), aproveitando despois un mal momento ofensivo dos de Quiños para tomar a dianteira e mantela até o descanso chegando cun +4 ao seu favor (18-14).

A desvantaxe chegou ao seis tantos ao comezo do segundo tempo (22-16), pero Iago Costas e Marko Ojeda lideraron a reacción cun 0-5 de parcial pontevedrés que lles metía de novo no partido (22-21).

Pasado o ecuador do acto decisivo a igualdade consolidouse no electrónico con alternativas constantes e vantaxes mínimas.

Así se chegou aos momentos decisivos, nos que o Cisne tivo na súa man a vitoria.

Nuno Pando cun potente lanzamento en apoio colocaba o 27-28 para pór aos pontevedreses por diante chegando ao minuto final. Nacho Gimeno desde o extremo devolvía as táboas ao marcador deixando o teórico ataque final para os de Quiños.

O técnico pedía tempo morto a 27 segundos da conclusión para preparar a xogada, pero todo saltou polo aire cuns pasos na acción ofensiva de Gualther Furtado, con tempo para que o Alcobendas anotase o definitivo 29-28 á contra por medio de Iker Aguilera.

Un gol que fixo inúltil é esforzo e bo traballo do equipo cisneísta e que lle fai regresar coas mans baleiras a Pontevedra. É a terceira derrota consecutiva en liga e está xa moito máis cerca a zona de perigo que a nobre da clasificación.