Derrota pola mínima do Waterpolo Pontevedra ante o Iruña (13-14)

Pontevedra
16 de abril 2023

O Waterpolo Pontevedra recibiu este sábado na Escola Naval de Marín a visita do CD Waterpolo Iruña para disputar a antepenúltima xornada da Primeira División Nacional Feminina  

Partido da segunda fase de Primeira Nacional entre Waterpolo Pontevedra e CN Molins
Partido da segunda fase de Primeira Nacional entre Waterpolo Pontevedra e CN Molins / Cristina Saiz

O Waterpolo Pontevedra recibiu este sábado na Escola Naval de Marín a visita do CD Waterpolo Iruña para disputar a antepenúltima xornada da Primeira División Nacional Feminina.

Tras o descanso por Semana Santa, o equipo pontevedrés regresou á carga co obxectivo de plantar cara ao segundo clasificado e finalizar a brillante tempada realizada ata o momento da mellor forma posible.

Foi un partido igualado desde o asubío inicial, cunha repartición de goles en ambas as porterías que se traduciu nun parcial de 3-3 ao finalizar o primeiro período.

No segundo acto, o Iruña aproveitou a súa superioridade numérica para facer dano ao WP e provocar a primeira brecha no marcador de dous tantos (3-5). Reaccionaron as locais cos tantos de Andrea Andión e Carmen Carrera para igualar, pero as navarras impuxeron a súa condición de favoritas para retomar a vantaxe cun parcial de 0-3 a falta dun minuto para alcanzar o descanso (5-8), que Carmen Carrera reduciu en dúas cun tanto sobre a bucina (6-8).

Tras o paso polos vestiarios, o Waterpolo Pontevedra tentou conseguir o empate pero víronse superadas por un Iruña que se fixo co control do partido a pesar de levar unha pequena vantaxe que variaba entre un ou dous goles a falta de disputar o último período (10-12).

Anotou Leire Cuervo para dar a vantaxe de tres goles ás navarras, apertaron o marcador as de Kike García cos goles de Andrea Andión e Izaskun (12-13), fixo o propio Miren Bedialaudeta para o seu equipo (12-14) e xa a falta de 17 segundos para a conclusión, Sara Vanegas anotou de penalti o último gol co que asinaba a derrota pola mínima do equipo de Pontevedra (13-14).

Consulta as estatísticas nesta ligazón