Derrota pola mínima do Pontevedra no campo do Arenteiro (1-0)

Pontevedra
10 de agosto 2024

Terceiro encontro de preparación na pretempada do Pontevedra Club de Fútbol, que este venres visitou ao Arenteiro no campo do Espiñedo, no Carballiño, no Trofeo da Festa do Pulpo

Amigable entre Arenteiro e Pontevedra no Espiñedo
Amigable entre Arenteiro e Pontevedra no Espiñedo / Pontevedra Club de Fútbol SAD

Terceiro encontro de preparación na pretempada do Pontevedra Club de Fútbol, que este venres visitou o Arenteiro no campo do Espiñedo, no Carballiño, no Trofeo da Festa do Pulpo.

O conxunto granate, tras caer no seu debut en Pasarón fronte ao RC Deportivo da Segunda División (0-3) e gañar no campo do Cidade de Ribeira (0-3), volvía medirse a un equipo de superior categoría (Primeira RFEF) nunha das probas máis esixentes do verán.

Quizais por iso apostou Yago Iglesias por un once moi recoñecible, con só dúas caras novas como o lateral zurdo Héctor Hernández e o extremo Xabi Domínguez. Acompañábanlles Edu Sousa, Garay, Churre, Mario Gómez, Samu Mayo, Yelko Pino, Dalisson, Chiqui e Rufo.

Un equipo que mostrou solidez sobre o terreo de xogo chegando ao tempo de descanso con 0-0 no marcador.

Tras o paso por vestiarios chegaron os primeiros cambios, coa entrada de Charly, Álex González, Igor Irazu, Rares Mezdrea, Iago, Román, Javi Fontán e Manu. Máis tarde gozaron tamén de minutos Canosa, Diego, Marqués e Jairo.

Os minutos foron pasando sen materializarse as ocasións ata que no 75 o Arenteiro abriu a lata co que acabaría sendo o tanto decisivo do choque, conseguido por Enol.

O próximo encontro de preparación dos granates disputarase o martes 13 de agosto fronte ao Estradense no Novo Municipal da Estrada.