Segunda derrota consecutiva do Marín Futsal, a última na Raña fronte a un FSF Castro que o adianta na clasificación.
O equipo adestrado por More, igual que en partidos anteriores, tentou realizar unha presión asfixiante desde o minuto un para provocar o erro en primeira liña do cadro rival, pero esta vez saíulle caro.
O conxunto lucense roubou no medio campo e iniciou o contragolpe para medirse no man a man con Patri Arruti, batendo Luisa Mayara a porteira local para facer o 0-1 no minuto 17 de partido.
Puido porse máis costa arriba o encontro ao Marín tan só un minuto despois, pero esta vez a goleadora non acertou na definición e estrelou o esférico no traveseiro.
As ocasións seguiron sucedéndose para ambos os equipos durante a segunda metade, pero ningún foi capaz de mover o marcador. Patri Arruti evitaba unha goleada, mentres que as súas compañeiras buscaban de todas as maneiras devolver o empate.
Entrou o partido na recta final e foi entón cando More optou por atacar con porteira-xogadora.
Miriam converteuse na quinta atacante a minuto e medio para o final, pero a defensa en rombo do Castro encargouse de evitar o gol para levar os tres puntos grazas a un solitario tanto de Luisa Mayara.
Consulta a acta neste enlace