A tempada do Pontevedra Club de Fútbol vai camiño de converterse nun pesadelo. Descartado o ascenso, a súa derrota este domingo no Estadio Municipal de Riazor ante o Real Club Deportivo condénalle, salvo milagre, a loitar simplemente pola permanencia na Segunda B, o que na práctica é xa de seu un descenso de categoría pola reestruturación prevista.
Era unha auténtica final para ambos os dous, sabedores que unha derrota era un torpedo á liña de flotación, e iso notouse desde o momento de coñecer os onces iniciais. Luisito introduciu varios cambios, e tamén Rubén de la Barrera nos locais. Nos granates, ademais da entrada en portería de Álvaro Cortés, destacaba a presenza de Jorge Fernández por Damià que modificaba lixeiramente o debuxo do equipo cun 4-4-2 pero con rombo no centro do campo, con Jorge máis adiantado tentando estar preto dos puntas.
Con todo a aposta non saíu ben de inicio, cun Deportivo que avisou xa no primeiro minuto cun remate de Borja Galán de cabeza ao bordo da área pequena, en situación inmellorable, que marchou desviado. Os branquiazuis parecían cómodos levando a iniciativa, e ademais atopáronse con premio no que era só o seu segundo achegamento. Keko Gontán recibiu o coiro no pico da área, recortou cara a dentro e desde a frontal conectou un disparo coa zurda que quitou as teas de araña da portería de Álvaro. Golazo que ao primeiro de vez, no minuto 4, poñía costa arriba o encontro.
Tentou reaccionar o Pontevedra nunha rápida transición que terminou cun chute frouxo de Charles, ás mans de Lucho, aínda que foi un espellismo. Ao contrario que nas xornadas precedentes con Luisito no banco, custaba xerar ocasións ante un rival ben plantado sobre o verde. Non había claridade de ideas e fluidez na circulación, recorrendo a miúdo a envíos en longo que se encotraban coa contundente resposta da zaga coruñesa.
Tampouco o Deportivo afai ser un torrente ofensivo, e co marcador a favor o seu plan converteuse en esperar algún erro dos granates para tentar castigarlles. O duelo mudou así cara a unha pelexa na zona medular, con escasas aparicións polas áreas. Desta forma, máis aló dun falta directa lanzada fóra por Jorge, o Pontevedra só protagonizou ata o descanso outra acción de relativo perigo, no minuto 35, pero o disparo duro e potente de Rufo saíu moi centrado facilitando a intervención do porteiro local.
Nececitaba un cambio o conxunto granate e Luisito tamén o viu así, ordenando un triplo cambio aos dous minutos da continuación. Conseguir a vitoria era cuestión de supervivencia, e o técnico variaba o debuxo deixando tres defensas e sobre todo buscando máis fútbol na sala de máquinas, ao dar entrada a Damià e a Adrián Cruz. Tamén entrou ao campo Martín Diz saíndo do mesmo Jorge e os dous laterais, Eneko e Aitor.
Era un todo ou nada e a aposta tampouco funcionou. Atascado na elaboración, non atopaba maneiras de xerar perigo ante un Deportivo que aínda que tampouco brillaba en exceso, tiraba de oficio para manter a súa vantaxe no marcador.
Os minutos corrían en contra dos granates, a quen o paso do tempo atenazaba cada vez máis sen ver sequera un raio de esperanza no choque. É máis, os riscos facían pensar en ter máis preto do 2-0 que o empate, aínda que sen poñer a proba a ningún dos arqueiro.
No 65, nunha falta lateral, tivo a opción Miku para os locais, pero pouco máis perigo viuse ata os minutos finais.
Con máis corazón que cabeza o Pontevedra tentou chegar á área coruñesa, e a súa ocasión de polo menos rascar un empate chegou ao fío do tempo regulamentario. Damià sacou un córner e Adrián Cruz elevouse en carreira para conectar un bo croque que obrigou a Lucho, esta vez si, a empregarse a fondo para cunha gran intervención desviar o balón de novo á esquina. Outro lanzamento e segunda oportunidade do centrocampista de Moaña, agora co pé, atopándose un seguro baixo paus.
Aí acabouse o que se daba para os de Luisito, impotentes durante os 90 minutos e resignados a unha derrota que aboca ao fracaso á tempada. A 5 puntos do sexto con só 6 en xogo, todo o que non sexa pelexar agora pola permanencia supón unha quimera. E mal farían en baixar os brazos, porque o abismo dun descenso a Terceira ábrese baixo os seus pés e iso si que supoñería unha auténtica catástrofe en todos os sentidos.
RC DEPORTIVO (1): Lucho García, Eneko Bóveda, Derik (Mujaid, min.54), Borja Granero, Héctor Hernández, Diego Villares, Bergantiños, Raí (Beauvue, min.87), Keko Gontán (Lara, min.71), Miku (Rayco, min.71), Borja Galán (Uche Agbo, min.87).
PONTEVEDRA CF (0): Álvaro Cortés, Aitor Núñez (Martín Diz, min.47), Churre, Xisco Campos, Eneko (Adrián Cruz, min.47), Imanol, Jorge Fernández (Damià Sabater, min.47), Álex González, Oier Calvillo (Óscar Fernández, min.73), Charles, Rufo.
Árbitro: Luis Fernando Collado López, auxiliado nas bandas por Grande Rabadan e Tercero Campos (Colexio castelán-manchego). Amoestou a Borja Granero no Deportivo e a Oier, Adrián Cruz e Álex González no Pontevedra.
Goles: 1-0 Keko Gontán, min.4.
Incidencias: Partido da xornada 16 de liga no Subgrupo 1-A da Segunda División B disputado no Estadio Municipal de Riazor da Coruña cunha limitación de 500 espectadores nas bancadas.