Primeira proba de pretemporada para o Pontevedra Club de Fútbol e primeira oportunidade de ver aos novos integrantes do plantel en acción.
O encontro contra o RC Deportivo, recentemente ascendido a Segunda División, serviu tamén para descubrir o novo equipamento granate (non presentado aínda de forma oficial).
Yago Iglesias apostou no once con Edu Sousa, Javi Fontán, Mario Gómez, Iago Novo, Rufo, Yelko, Chiqui, Samu, Xabi Domínguez, Garay e Marqués. Unha mestura de homes que foron importantes durante a pasada campaña e numerosas novidades.
O conxunto granate tivo moi bos minutos durante todo o encontro pero o Depor demostrou a súa condición de equipo de superior categoría para impoñerse no marcador con goles de Villares e Hugo Rama.
O primeiro tanto chegou no minuto 37 tras un balón filtrado de Yeremay a Lucas, que este cedeu dentro da área a Villares, e o segundo no 79 cun disparo de Rama que un defensor desviou ao interior da portería.
AUSENCIA DE BORJA DOMÍNGUEZ
Chamou a atención que na convocatoria do encontro Yago Iglesias non contou con Borja Domínguez, quen a pesar de ter contrato co Pontevedra, non participou nos adestramentos desta semana.
A súa ausencia fai pensar na posibilidade dunha saída negociada, que liberaría unha das 16 fichas sénior (as máximas posibles) que agora mesmo están ocupadas.