Nova derrota do Marín Futsal esta tempada tras caer este sábado na Raña contra un Torreblanca Melilla moi superior. A brasileira Amadinha foi un auténtico pesadelo para o cadro marinense, facendo tres dos cinco goles do seu equipo e liderando cada xogada de ataque coa que puido facer mesmo máis grande a ferida do rival.
Comezou o partido cunha dobre ocasión do conxunto melillense de estratexia que desbaratou con dificultade a zaga dun Marín Futsal que, cando tiña a posesión, movía con calma para evitar os roubos a metade de cancha que puidesen castigalo.
E de tanto buscalo chegou o primeiro gol do Melilla Torreblanca. Nunha xogada individual de Ana Luiza, Débora Lavrador fíxolle a cambadela dentro da área, o colexiado pitou penalti e Thais Amaral encargouse de transformalo para adiantar ao seu equipo.
Seguiu ás súas o cadro visitante, que apenas sufría en tarefas defensivas e continuaba na procura dun segundo tanto que lles dese certa tranquilidade. E aos oito minutos de xogo chegou o 0-2. Xogada de estratexia perfecta cara a Amadinha, que xutou desde metade de cancha para aloxar o esférico na escuadra da portería defendida por Patri Arruti.
Co paso dos minutos foi collendo mobilidade o Marín Futsal que tiña a súa mellor ocasión aos 16 minutos de xogo cun disparo ao pau de Débora Fernandes. Pero era o Melilla o que, con moi pouco, xeraba moitísimo perigo e lograba ao fío do descanso ampliar a súa renda. De novo en xogada ensaiada, Thais cedeu a Ana Luiza, pisouna e enviou de costas a Amadinha, que sacou un potente chute co que anotou o 0-3.
E a pouco menos dun minuto para que concluíse a primeira metade, Ana Cunha de libre directo enganou a Silvia Aguete e aloxou o coiro na rede para facer o 1-3 co que se chegou ao intermedio.
Tras o paso polos vestiarios o dominio continuou sendo para o Melilla Torreblanca, que non llo pensaba dúas veces e finalizaba cada xogada, xa fose mellor ou peor. Mentres tanto, o equipo de Ramiro Díaz non se daba por vencido, pero custáballe combinar e chegar con perigo a portería rival.
As que combinaban moi fácil eran as visitantes, que nun saque de banda e catro rápidos pases sentenciou o partido. Juliana desde liña de fondo enviou a Silvina, que entraba libre de marca, e subiu o 1-4 ao luminoso.
Optou polo xogo de cinco o Marín Futsal a falta de seis minutos para a conclusión, pero nun erro Amadinha roubou o esférico ao seu par, iniciou soa o contragolpe e a portería baleira enchufou o 1-5 co que matou o encontro.