Gran ambiente nas bancadas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra na estrea da fase final do Campionato de España Cadete de Balonmán.
A atención estaba centrada especialmente no debut o equipo local, o Club Cisne, que pechaba a xornada medíndose ao FC Barcelona.
Os pontevedreses deron a cara, aínda que terminaron cedendo por un resultado 24-35. Os pupilos de Óscar Arosa mantiveron a igualdade durante os primeiros 15 minutos de xogo (7-9), pero despois víronse superados polo potencial do cadro catalán.
A pesar da derrota o Cisne ten aínda moito que dicir no campionato, que continúa este xoves coa segunda xornada na que se enfrontarán ao Ademar de León (20:30 horas), mentres que o venres o rival será o Ikasa Madrid.
O outro partido do grupo concluíu con vitoria de Ademar contra o Ikasa Madrid (26-14), mentres que no Grupo 2, con sede no pavillón de Príncipe Felipe, San Agustín venceu a Leganés (36-15) e Granollers a Zarautz (41-32).