Derik Osede súmase aos adestramentos do Pontevedra

Pontevedra
22 de xullo 2022

O central estivo en branco a última tempada por lesión. Exercitarase a partir deste sábado co equipo granate, que aclara que polo momento non se trata dunha fichaxe

Derik Osede na súa presentación como xogador do Deportivo
Derik Osede na súa presentación como xogador do Deportivo / RC Deportivo

O Pontevedra Club de Fútbol confirmou na tarde deste venres unha nova incorporación, aínda que aclarando que polo momento non se trata dunha fichaxe.

Trátase de Derik Osede, defensa central cunha destacada traxectoria pero que aos seus 29 anos acumula unha tempada en branco por lesión, sen poder chegar a estrearse en liga co Alcoyando en Primeira RFEF.

Antes Derik sumou experiencia na Segunda División co Real Madrid Castilla e o Numancia e pasou un ano polo Deportivo, aínda que en Riazor apenas puido xa participar en oito encontros ao sufrir unha grave lesión no tendón de aquiles.

Agora o Pontevedra dálle a oportunidade de incorporarse a partir deste sábado aos adestramentos do primeiro plantel baixo as ordes de Antonio Fernández, que poderá comprobar de primeira man o seu estado físico.