O Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra ampliarase usando os terreos do campo de tiro de Cernadiñas Novas, en San Andrés de Xeve.
Así o revelou este luns, durante a presentación do Campionato Internacional de Taekwondo Cidade de Pontevedra, o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete.
"Queremos que o CGTD creza por Cernadiñas. Temos un acordo de cesión indefinida do espazo en Cernadiñas. Sería o crecemento natural para que os nosos deportistas teñan un sitio onde seguir progresando", asegurou detallando os plans do goberno galego avanzados por conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, nunha comparecencia no Parlamento de Galicia.
Nesa comparecencia o goberno autonómico confirmaba a consignación de 500.000 euros para dar os primeiros pasos na ampliación e conversión do CGTD nun Centro de Alto Rendemento (CAR), aínda que en realidade será "un Centro Integrado de Tecnificación, chamámoslle CAR, pero é un centro integrado de tecnificación e alto rendemento", explicou Lete.
O plan de investimento total nos próximos anos para conseguilo sitúase nos 22 millóns de euros.
"Como o centro non pode crecer máis, xa nos gustaría pero non pode, temos que buscar solucións. O CGTD chegou ao seu límite máximo, xa non ten máis cabida nin posibilidades de crecer", salientou o secretario xeral.
Para conseguilo a reforma prevista en Cernadiñas será de gran calado, adaptando o campo de tiro e construíndo novas instalacións. Entre esas novidades por exemplo un dos obxectivos sería o de habilitar un módulo destinado ao bádminton.
Presente na mesma comparecencia, o alcalde Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, celebrou como "unha alegría que o centro de tecnificación se amplíe a Cernadiñas"
Lores defendeu ademais que "hai que descentralizar", e defendeu os esforzos que está a facer a administración local en infraestruturas deportivas e que poden chegar a ser utlizadas pola tecnificación galega.
Entre elas, citou o novo pavillón para tenis de mesa proxectado en Monte Porreiro, a nave de piragüismo nas Corvaceiras ou a achega para manter activa a piscina olímpica de Ponte Muíños.