Baixo sospeita. Así está para algúns afeccionados e accionistas que se dirixiron a PontevedraViva o que consideran actuación irregular dos responsables da sociedade no proceso de ampliación de capital do Pontevedra, C.F. S.A.D., ao permitir adquirir accións polo sistema de reserva na primeira fase da ampliación, a persoas que non teñen a condición de accionistas, sen ter en conta os prazos previstos no anuncio e condicións publicados no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil, con data 13 de maio pasado.
Segundo o devandito aviso legal, que publicamos (ver foto), "los accionistas disponen de un plazo de un mes a contar desde la publicación del presente anuncio para ejercitar su derecho de suscripción preferente, pudiendo suscribir un número de acciones proporcional al valor nominal de las que posean".
Dito doutro modo, os denunciantes sosteñen a tese que durante ese primeiro mes, entre o 13 de maio e o 12 de xuño próximo, unicamente as persoas que teñan a condición de accionistas con anterioridade á ampliación de capital, teñen dereito á compra de accións novas, non estando previsto en ningún caso que poida facerse ningún tipo de reserva para terceiras persoas.
Ademais, noutro punto do aviso legal publicado dise: "Durante el mes siguiente a contar desde la finalización del plazo anterior, el órgano de administración podrá ofrecer y adjudicar las acciones no suscritas a terceras personas ajenas a la Sociedad". O que parece ratificar a afirmación anterior de que só unha vez finalizado, e non antes, o prazo de adquisición dos accionistas actuais, e en caso de que estes non tivesen exercido o seu dereito de compra, o club podería poñer á venda as accións que queden pendentes de compra, ata o límite da ampliación autorizada.
Algún dos denunciantes dirixíronse ás oficinas do Pontevedra manifestando a súa intención de comprar accións. Ao ser atendidos, e tras preguntalos se eran accionistas, ao manifestar que tan só eran afeccionados ou aboados, contestóuselles que non importaba e que se estaba a permitir pre-reservas para o non accionista en cantidades non moi grandes, que depositase o diñeiro, dábaselle un recibo e ingresábase o diñeiro noutra conta, aclarando que o primeiro día 1 da fase 2, o club se encargaba de envorcar ese diñeiro na conta oficial, e así dende ese momento xa constaba como accionista.
A información complétase aclarando que se ao comezar a segunda fase aparecese alguén solicitando as accións pendentes de subscrición, primeiro se aplicarían as reservas realizadas con anterioridade.
A actuación denunciada vai máis alá, mencionando mesmo que hai empregados e persoas vinculadas ao club efectuando labor de venda e captación indiscriminada pola rúa, facilitando similares recibos a aquelas persoas que achegan cantidades, sen comprobar previamente o seu dereito á subscrición de accións, e en que cantidade, nesta primeira fase da ampliación.
Ademais, estes afeccionados expresan o seu malestar polo que consideran falta de transparencia no proceso, xa que este modo de actuar podería dar opción a que se pretenda impedir a entrada de posibles accionista, no suposto de que aparecese algún investidor interesado en adquirir un paquete importante de accións que lle desen un peso relevante no control da sociedade, polo que non descartan mesmo chegar a denunciar oficialmente e impugnar o proceso de ampliación de capital, en caso de detectar algún tipo de obstáculo para a compra de accións na segunda fase.