Denuncian os comentarios machistas dun adestrador de infantís no Villalonga-CFB Poio: "Está solteira, por onde a queres meter"

Poio
09 de maio 2023
Actualizado: 16:48

O Villalonga FC expresou nun comunicado público a súa "absoluta repulsa" aos feitos, queixándose ademais da non inclusión dos comentarios na acta arbitral a pesar de ser solicitado polo seu delegado. Os comentarios referíanse á porteira do equipo local, de só 13 anos de idade

Campo de fútbol do Revel, en Vilalonga, tras a súa renovación
Campo de fútbol do Revel, en Vilalonga, tras a súa renovación / Concello de Sanxenxo

O Villalonga FC expresou este martes nun comunicado público a súa "absoluta repulsa" polo vivido no último partido do seu equipo infantil, da categoría Primeira Galicia, que lle enfrontou ao CFB Poio no campo do Revel.

Refírese o club celeste aos comentarios que, asegura, saíron por parte do adestrador visitante en referencia á porteira local, de só 13 anos de idade.

"Sen vir a conto, nos últimos minutos, tiveron unha ocasión clara, un man a man que parou a nosa porteira", explica o adestrador do Vilalonga, o ex-futbolista profesional Luciano González, sinalando que nese momento o adestrador contrario dixo cara ao seu xogador "está solteira, por onde lla queres meter". Ademais "o pai da nena escoitou outros comentarios deste tipo no banco", asegura.

Por todo iso desde o club sinalan no seu comunicado que "este tipo de actos e condutas son os que impiden que a nosa sociedade e o noso deporte e son inaceptables para alguien que exerce o labor de formador".

Quéixase ademais o Vilalonga da "non inclusión dos devanditos feitos na acta do partido a pesar de ser solicitado polo noso delegado".

No que respecta a a gardameta, "leva no Vilalonga desde os tres anos e era o seu último partido", recoñece o seu adestrador xa que ao pasar de categoría pasará a formar parte dunha estrutura integramente feminina. Por todo iso "era un partido emocionante para ela e acabou chorando, pero os seus compañeiros arroupárona e tentaron levantarlle o ánimo", relata Luciano sobre unha situación que nunca se debería ter producido nun campo de fútbol.

O CONCELLO DE POIO PIDE "QUE SE ADOPTEN AS MEDIDAS OPORTUNAS"

Desde o Concello de Poio a edil responsable de Deportes, Marga Caldas, saíu ao paso dos feitos acontecidos en Vilalonga  para transmitir "a nosa máis enérxica repulsa por estes feitos". Unhas condutas que "non representan os valores do deporte en xeral nin ao tecido deportivo de Poio, que sempre foi exemplar no seu comportamento e na súa acción".

Por ese motivo a responsable do goberno local sinala que pedirán "que se adopten as medidas oportunas". Neste sentido "esiximos ao club que tome medidas para cortar este problema de raíz a fin de que non se volva repetir en ningunha entidade deportiva deste concello", afirmou Caldas.