Excesivo castigo o recibido polo Arosa no derbi contra o Compostela. O equipo arlequinado gozou das mellores ocasións do encontro, pero foron os santiagueses os que levaron o premio dos tres puntos grazas ao gol de Jonas. Ademais, Pedro Beda fallou o penalti do que puido ser o empate no minuto 81.
Comezou o partido con ambos os conxuntos realizando unha alta presión para buscar o fallo na saída de balón rival. Era o Arosa o que se atopaba máis cómodo sobre o terreo de xogo, tendo nas botas de Mon a ocasión de abrir o marcador cando se alcanzaba o minuto 5. Julio Rey roubou en campo contrario e enviou ao 14 arlequinado, que cruzou o disparo e foise fóra.
Co paso dos minutos o Compostela foise sentindo máis cómodo, xerando as súas primeiras opcións, chegando aos 17 de xogo a máis clara. Samu botou un saque de esquina e Fer Beltrán cabeceou á portería local onde estaba Manu Táboas, que realizou unha boa estirada a man cambiada para evitar o tanto. Dous minutos despois, nunha contra rápida dos santiagueses, de novo Samu cedeu a Fer Beltrán ao espazo da defensa pero o seu disparo cruzado atrapouno o gardameta.
Alcanzábase a media hora de xogo e o técnico visitante viuse obrigado a realizar o primeiro cambio dando entrada a Pablo Durán, que substituía a un lesionado Primo. Foi Durán o que tentou revolucionar o partido coa súa saída ao verde, creando perigo pola banda esquerda aínda que sen xerar exceso traballo á defensa local, que optaba por colgar balóns e obrigaba ao rival a replegarse e pecharse para achicar.
Sen cambios nos onces e no marcador, comezou a segunda parte, cun Arosa tendo aos dous minutos a primeira ocasión pola banda de Julio Rey, pero o balón paseouse pola área visitante. Acto seguido, o asedio alequinado continuou da mesma forma pero esta vez con Cotilla, que buscou un novo centro que despexou a zaga.
Os equipos estaban mellor asentados que no primeiro acto, pero eran os de Vilagarcía os que xeraban mellores ocasións, como a de Pedro Beda desde fóra da área que se foi por encima da portería de Pato cando se alcanzaba a hora de xogo.
Os cambios en ambas as filas deron aire fresco ao partido, dando paso ás mellores ocasións para Arosa e Compos. Pero foron os santiagueses os que se atoparon co premio tras unha moi boa contra que iniciou o gardameta visitante. O balón chegou a Rafa Mella, que aproveitou un batiburrillo na área local para facerse co balón e ceder ao momento de penalti desde onde Jordan endosou na rede. Cumpríase o minuto 74.
A reacción arousá chegou ao instante, pero o colexiado anulou o tanto de Luismi de cabeza por previa falta dubidosa de Fontán por saltar sobre un defensor. A xogada saldouse con amarela para ao catro polas protestas.
En busca do empate continuaron os xogadores de Jorge Otero, que tiveron nun penalti a Pedro Beda por agarrón de Álvaro Casas a mellor opción, pero Pato adiviñou a traxectoria do disparo do dianteiro e enviou a córner (minuto 81).
O castigo estaba a ser excesivo para o Arosa, que seguía buscando o tanto á desesperada mentres vía como o tempo se ía consumindo. Meteu o técnico local efectivos en ataque para sacar algún beneficio do derbi, dando entrada a Pedro García e Fajardo, tendo este a igualada nas súas botas cun disparo desde a frontal da área que se foi rozando o traveseiro.
Non deixou de tentalo o equipo local e tivo moi preto a recompensa con dúas faltas que colgaron á área, pero a fortuna non caeu do seu parte e quedaron co mel nos beizos.
Antes do partido rendeuse homenaxe ao ciclista Gustavo Cesar Veloso.