Demasiado Burela para o Poio Pescamar no debut ligueiro (4-1)

Poio
14 de setembro 2019

Duro e excesivo castigo para o Poio Pescamar no debut ligueiro na pista do flamante campión da Supercopa, o Burela, que gañou con máis dificultades das que reflicte o marcador final

Partido de Liga entre Burela e Poio Pescamar
Partido de Liga entre Burela e Poio Pescamar /

Duro e excesivo castigo para o Poio Pescamar no debut ligueiro na pista do flamante campión da Supercopa, o Burela, que gañou con máis dificultades das que reflicte o marcador final.

O choque comezaba con dous equipos que optaban por obstaculizar a saída de balón do rival e con moita intensidade defensiva das poienses, que lles levaba a cumprir a cota de cinco faltas aos seis minutos de xogo, o que deparaba un primeiro dez metros que Lara Balseiro transformaba no primeiro tanto do partido.

O gol permitía á escuadra laranxa asentar o seu dominio no xogo, obrigando a empregarse a fondo a Silvia Aguete baixo paus na portería pontevedresa. Andrea Feijóo e Jenny Lores tiveron senllas ocasións claras, pero sería a primeira quen nun intento de despexar unha ocasión lucense anotaba en propia meta.

A menos de dous minutos para o descanso, un novo dez metros para as burelenses non o lograba aproveitar Lara para ampliar a renda local tras estrelar o remate no pau.

Na continuación, tras un roubo de balón en primeira liña, Antía superaba a Jozi de disparo cruzado que metía de cheo ao Poio Pescamar na loita polo partido. O envite igualábase por momentos con achegamentos de perigo sobre ambas as porterías, ata que a once minutos da conclusión, as vixentes campioas da Supercopa optaban polo xogo de cinco con Bea Mateos como porteira xogadora.

Nunha xogada de estratexia, Cilene habilitaba a Jenny Santos ao segundo pau dentro da área para levar a tranquilidade ás lucenses. No tramo final o Poio dirixido por Raúl Jiménez optaba tamén polo xogo de cinco, pero recibía a sentenza no tramo final, nun roubo de balón de Peque que a madrileña finalizaba en gol índose de Antía que facía as veces de porteira xogadora. O choque acababa cun postremeiro dez metros que Lara enviaba fóra.

PESCADOS RUBÉN BURELA  FS (4): Ana Romero; Dani, Cilene, Peque e Lara Balseiro (quinteto inicial). Tamén xogaron, Jozi (segunda porteira), Jane, Jenny, Jenny Lores, Ale de Paz, Luci e Bea Mateos.

POIO PESCAMAR (1): Silvia Aguete; Andrea Feijóo, Antía Pérez, Irene García e Dani Sousa (quinteto inicial). Tamén xogaron, Cárol, Anna  Escribano, Mirian Ruiz, Anita Rivera e Clara.

Árbitros: Vilas López e Otero Mira (Ourense). Amoestaron a Ale de Paz, Dany e Jenny Lores no Burela e Ana Rivera no Poio Pescamar.

Goles: 1-0, min. 7 Lara Balseiro. 2-0, min. 13 Andrea Feijóo (propia porta). 2-1, min. 24 Antía. 3-1, min. 30 Jenny. 4-1, min. 39 Peque.

Incidencias: Pavillón Vista Alegre (Burela). Uns 300 espectadores.