Pontevedra converterase, do 1 ao 3 de novembro, na capital continental do ciclocrós coa celebración do Campionato de Europa.
Un gran evento internacional que vai quentando motores e dando a coñecer detalles da competición que se celebrará nun circuíto deseñado con mimo na Illa das Esculturas.
Neste sentido coñécense xa os horarios das diferentes probas e categorías, aínda que a expensas de poder sufrir algunha pequena modificación se a televisión así o require.
O Europeo de Ciclocrós arrincará na Boa Vila o venres 1 de novembro cunha novidade, as carreiras de categorías máster polas que aposta Pontevedra en moitos dos eventos deportivos que acolle. Será desde as 10.00 horas (Masculina 75+ / 70-74 / 65-69 e Feminina 75+ / 70-74 / 65-69 / 60-64 / 55-59 / 50-54) con máis saídas ás 11.00 horas (Masculina 55-59 / 60-64 e Feminina 35-39 / 40-44 / 45-49), ás 13.30 horas (Masculina 45-49 / 50-54) e ás 15.00 horas (Masculina 35-39 / 40-44).
Será o sábado 2 de novembro cando os grandes nomes do ciclocrós internacional entren por primeira vez en acción, nunha xornada reservada para a sempre espectacular carreira de 'Team Relay' (15.00 horas), remudas mixtas nas que cada selección formará con até seis ciclistas, cun júnior, un sub-23 e un elite tanto masculino como feminino.
Pola súa banda o domingo día 3 será a quenda das probas individuais comezando ás 9.00 horas coa categoría júnior feminina e continuando ás 10.00 coa júnior masculina, ás 11.00 horas coa Sub-23 feminina, ás 12.50 coa Sub-23 masculina e por último coa categoría elite feminina (14.10 horas) e masculina (15.30 horas).