Defender o balón parado convértese nunha psicose para o Pontevedra

Pontevedra
13 de maio 2024

Nos seus últimos doce encontros, entre liga regular e o primeiro do play-off, o Pontevedra encaixou o mesmo número de goles en contra, doce, en accións a pelota parada, en especial saques de esquina

Pausa para hidratación durante o partido entre Deportivo Aragón e Pontevedra CF
Pausa para hidratación durante o partido entre Deportivo Aragón e Pontevedra CF / Pontevedra CF SAD

O Pontevedra Club de Fútbol desángrase a balón parado. "Hemos vivido un partido idéntico a lo que estamos viendo en el último mes de competición", recoñecía Yago Iglesias ao termo do partido de ida da eliminatoria de play-off contra o Deportivo Aragón.

Os granates dominaron cunha boa posta en escena o primeiro acto. Adiantáronse no marcador e gozaron de ocasións para máis, ata que unha acción de estratexia cambiou o signo do encontro. Un córner mal defendido no minuto 71 e unha falta directa convertida por Vaqueiro no 84 colocaron un 2-1 que obriga a remontar en Pasarón.

Trátase dunha situación que se repite, e que co paso da semanas xerou xa unha especie de psicose cada vez que se produce un saque de esquina ou falta en contra sobre todo nos últimos minutos dos partidos.

Botando a vista atrás, desde a derrota en Pasarón contra o Zamora o día 25 de febreiro que empezou a torcer unha tempada que apuntaba cara ao ascenso directo, o Pontevedra xogou doce partidos entre liga regular e o primeiro chpque do play-off encaixando o mesmo número de goles en contra, doce, en accións a pelota parada, en especial saques de esquina (8).

Contra o Zamora foi un saque de banda o que acabou converténdose no 0-1 cando mellor estaban os granates (o partido acabou con derrota 1-3), e unha semana despois no feudo do Real Oviedo Vetusta conseguiuse gañar por 2-3 pero os pontevedreses viron como o seu rival anotaba nun saque de esquina e unha falta directa.

A situación repetiuse tres xornadas consecutivas entre a 27 e a 29, cedendo dous empates nos campos de Rayo Cantabria e Arandina en partidos nos que chegaron senllos goles de córner. Especialmente doloroso foi o de Aranda de Duero, no minuto 88 de partido, mentres que por medio houbo que reomntar fronte ao Marino de Luanco en pasarón (2-1) tras un gol visitante de saque de equina nos primeiros minutos de xogo.

Tamén no tramo final de liga os de Yago Iglesias non lograron vencer a domicilio cotra o Compostela (2-2) encaixando un gol de córner, e viron como se lles escapaba o ascenso directo fronte ao Ourense CF (0-2) nun saque de esquina no minuto 82 de xogo en practicamente o primeiro acecamiento do seu rival.

Completa a serie a visita ao Deportivo Fabril, onde se asegurou a segunda praza cun empate (2-2) tras ver como o filial anotaba un gol en segunda acción tras unha falta directa, con centro lateral no rexeite, e un gol olímpico desde a esquina.

Durante este período os granates só deixaron de encaixar a balón parado nos xornada 26 fronte ao Avilés (2-0), na 30 contra o Covadonga (2-0) e na última da liga regular, xa sen nada en xogo, contra o Racing Villalbés (1-0).

Un aspecto no que será imprescindible mellorar para remontar a eliminatoria contra o Zaragoza e seguir aspirando ao ascenso de categoría.