Debut de Señor no banco de Pasarón con triunfo que permite o Pontevedra ver a luz ao final do túnel (1-0)

Pontevedra
11 de marzo 2023

A estrea de Juan Señor no banco de Pasarón non puido ser mellor: debut e triunfo ante o Algeciras que lle permite ao seu equipo ver a luz ao final do túnel e crer na permanencia  

Partido entre Pontevedra e Algeciras en Pasarón
Partido entre Pontevedra e Algeciras en Pasarón

A estrea de Juan Señor no banco de Pasarón non puido ser mellor: debut e triunfo ante o Algeciras que lle permite ao seu equipo ver a luz ao final do túnel e crer na permanencia.

Saíu o Pontevedra coa intención de ir a por o partido desde o minuto un, con todo o equipo metido no campo do Algeciras e realizando unha alta presión que propiciaba a perda do esférico cada vez que o rival estaba en posesión del.

E non tardou en chegar a primeira ocasión para os granates. Sacou de banda Seoane e nunha boa combinación con Rubio e Brais, este último chegou a liña de fondo, enviou un centro cara atrás e Bastos xutou, pero o seu disparo deu nun defensor e foise a córner. Tamén se atreveu pouco despois Álex González tras unha recuperación preto de área rival de Román, pero o intento do capitán foise alto por moi pouco.

Co paso dos minutos foise asentando o Algeciras sobre o verde e protagonizaba algunha chegada a portaría local aínda que sen perigo, mentres o Pontevedra tiña outra clara oportunidade cun disparo de Román que se ía rozando o lateral da rede.

Buscaban o gol os xogadores de Señor de forma insistente aínda que con menor claridade, sobre todo porque o linier apresurábase en pitar inexistentes foses de xogo en contra dos granates cando se plantaban nos man a man con Rubén Miño.

Minutos antes do descanso, o Algeciras creou perigo a balón parado, pero no primeiro intento Churre antepúxose ao dianteiro e despexou a córner e o segundo foi un disparo desde a media lúa que atallou Cacharrón.

Saíu durmido dos vestiarios o Pontevedra e viu perigar a súa portaría moi pronto. Fallou no pase Álex González en campo contrario e David González iniciou un rápido contragolpe, a defensa granate tentou desbaratar o ataque rival pero o balón caeu nos pés de Iñaki Elejalde que disparou cruzado e enviou o coiro rozando o pau dereito da portaría local.

E na seguinte xogada chegou o ansiado premio dos de Lérez. Sacou en longo de porta Pablo Cacharrón e, en tres toques chegou o gol. Soto enviou de cabeza a Charles, o brasileiro se fixo co segundo balón, picou o esférico cara a Brais Abelenda que, aos tombos, meteu o pé o xusto para bater a Rubén Miño e adiantar ao seu equipo.

Tras o gol, o Algeciras púxose as pilas no seu intento por devolver a igualdade ao encontro e envorcouse en tarefas ofensivas provocando uns cantos sustos á inchada pontevedresa.

Cumpriuse a hora de xogo e ambos os técnicos introduciron un dobre cambio. Iván Ania en busca do gol do empate con Siddiki e David Martín, e Señor con Rufo e Martín Diz en lugar de Charles e Alberto Rubio.  

E foi precisamente Sidikki o que puxo contra as cordas a Cacharrón na primeira chegada que tivo. Viu adiantado ao gardameta granate e buscou batelo por arriba, pero o porteiro sacou a man para evitar o gol rival.

O partido estaba roto e calquera podía anotar. Pero o Pontevedra estaba necesitado dos tres puntos e dun segundo tanto co que gañar tranquilidade. E puido facelo o cadro granate, pero Churre quitoulla a Soto cando ía rematar case a porta baleira e, acto seguido, Brais realizaba unha rápida condución, cedeu a Martín Diz e este a Rufo, que tentou bater de primeiras a Rubén Miño pero o seu disparo foise ás nubes.

Até aí chegaron as ocasións do Pontevedra, que se empezaba a ver superado por un insistente Algeciras que buscaba o gol custe o que custe e aínda quedaban seis minutos de engadido para igualar o encontro. Eran os visitantes donos do esférico e os de Señor un feixe de nervios que tiña que defender con uñas e dentes para amarrarse ao triunfo. 

Pero aínda quedaba tempo para a polémica e Javi Robles, que entrara en lugar de Abelenda no minuto 80, vía a súa segunda amarela por unha falta en campo rival e deixaba aos seus cun menos. Foi sacar a falta o Algeciras pero, antes de que colgasen o balón na área pontevedresa, o colexiado pitou o final. Pasarón estalou de alegría e os xogadores tamén, porque con este triunfo o Pontevedra ve a luz ao final do túnel.

PONTEVEDRA CF (1): Pablo Cacharrón, Ángel Bastos, Churre (Masogo, min. 90), Miguel Román, David Soto, Álex González, Brais Abelenda (Javi Robles, min. 80), Alberto Rubio (Martín Diz, min. 64), Charles (Rufo, min. 64), Borja Domínguez e Seoane.

ALGECIRAS CF (0): Rubén Miño, Alejandro Benítez, Borja Fernández, Nicolás Van Rijn, Iván Turrillo (Juan Serrano, min 82), David González 'Roni', Álvaro Romero (Pementa, min. 85), Tomás, Rodrigo Sanz (David Martín, min. 62), Iñaki Elejalde (Siddiki, min. 62) e Albarrán.

Goles: 1-0, Brais Abelenda, min. 55.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 27 do Grupo I de Primeira Federación disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante aproximadamente 2.000 espectadores.