De penalti e grazas resolve o Pontevedra un partido horrible fronte o Peña Sport (1-0)

Pontevedra
24 de marzo 2016

Calquera parecido entre o fútbol e o que Pontevedra e Peña Sport realizaron durante a primeira parte foi mera coincidencia. Uns e outros rivalizaron en ofrecer un partido infumable, no que a calidade técnica non apareceu por ningún lado, e as xogadas de mérito tampouco, ata os últimos minutos

Partido entre Pontevedra e Peña Sport en Pasarón
Partido entre Pontevedra e Peña Sport en Pasarón /
Declaracións do técnico do Peña Sport /

Calquera parecido entre o fútbol e o que Pontevedra e Peña Sport realizaron durante a primeira parte foi mera coincidencia. Uns e outros rivalizaron en ofrecer un partido infumable, no que a calidade técnica non apareceu por ningún lado, e as xogadas de mérito tampouco, ata os últimos minutos.

E iso que en apenas dous minutos e medio os granates crearon ata tres ocasiones de marcar, deixando en evidencia a razón pola que o cadro navarro está case desafiuzado. As facilidades defensivas visitantes víronse beneficiadas da falta de puntería da dianteira local, que parece entrar en fase de seca ou cegueira preocupante.

Borjas, en dúas ocasións, e Jandrín, a máis clara, non acertaron, e aí acabouse case todo. Orfo de dirección na medular, cun Queijeiro desacertado na construción, o que xa non vén sendo novidade, o inicio de xogo local pasaba case sempre por complicados pases excesivamente longos desde a defensa aos homes de arriba, dos que lles separaba unha distancia excesiva.

Neste escenario, o Peña Sport empezou a atoparse tan cómodo, como a demostrar as súas carencias, limitándose a buscar algunha acción a balón parado, das numerosas que concederon os de Luisito, que tamén aí equivocáronse, dando ao rival a única arma que podía inquietarlles.

Os granates desapareceron, incapaces de facerse co control do balón, penalizados polos constantes erros nos pases, e unicamente pasada a media hora volveron achegarse con perigo. Foi un centro de Adrián que chegou ao segundo pau onde Borjas estaba só, pero o seu remate de cabeza, dos que non se poden fallar, saíu alto.

Despois nada. Viuse a un Pontevedra vulgar, conformista, sen a intensidade habitual, e a un Peña Sport case resignado, con escasos argumentos futbolísticos, e como dando por certo que o seu descenso é só cuestión dunhas poucas xornadas máis.

Luisito fixo quentar antes de que finalizase a primeira metade a Mouriño, Jacobo e Anxo, aínda que ao regreso de vestiarios fixo comparecer só ao primeiro, por un Hugo sen chispa. Pouco despois entraría Anxo por Bello e pasada a hora de xogo, Jacobo por Queijeiro. Nada estraño, visto o rendemento dos substituídos, se seica preguntarse as razóns de non realizalos antes, ou mesmo o por que de determinadas presenzas no once titular, ante o seu baixo rendemento en anteriores ocasións.

A pesar dos cambios, custoulle cambiar a dinámica ao equipo local. Mouriño e especialmente Jacobo foron responsables da melloría. O primeiro fixo soar a campá cun lanzamento de falta, que obrigou ao meta visitante a despexar con apuros. Pero o desacerto instalouse no equipo, que atopou a solución aos seus males nunha xogada sen aparente perigo no que o central visitante Beñat fixo o agasallo de pascua. Restaban 10 minutos cando se dorme para despexar un balón, Borjas interpón o pé, e Beñat derrúballe de forma tan clara como inocente. O penalti provoca ademais a expulsión de Beñat, e Borjas transfórmao, tirando por alto e a romper. Imparable.

Con todo resolto o Pontevedra volve á sesta e case lle custa caro. Jorge Rodríguez nunha contra plántase de forma incomprensible só ante Edu, regatéalle e dispara a porta baleira. Cando o balón estaba a piques de entrar, da nada aparece Verdú, providencial, para evitar que o único remate entre paus dos navarros acabase en desgusto e sorpresa.

Coma se fose un toque de corneta, o Pontevedra espertou e puido terminar goleando. Non sería xusto, porque o seu xogo non merecía tanto premio, pero no tempo de desconto acumulou ata tres ocasiones clamorosas para ampliar a conta. Jandrín, en parede con Borjas, remata ao peito do porteiro. Borjas a pase de Jacobo mándaa arriba e o mesmo Jacobo, tras caño incluído ao porteiro, ve como Ezcurra saca baixo paus un balón que se coaba.

PONTEVEDRA CF (1): Edu; Adrián, Pablo, Bruno, Verdú; Kevin Presa, Queijeiro (Jacobo, minuto 65); Hugo (Mouriño, minuto 46), Bello (Anxo (Minuto 54), Jandrín; e Borjas.

PEÑA SPORT FC (0): Jorge López; Samuel, Garde, Beñat, Odei; Iturralde, Rubio; Toni (Giles, minuto 56), Cardo (Ezcurra, minuto 85), Jorge Rodríguez; e Imanol (Manjón, minuto 70).

Árbitro: Alejandro Fernández Pérez (Cataluña), auxiliado nas bandas por Martí Huertas Vázquez e David López Jiménez. Expulsou por dobre amoestación ao xogador visitante Beñat (minuto 80). Amoestou a Queijeiro, Pablo, Borjas e ao adestrador, Luisito, polo Pontevedra, e a Imanol, Iturralde, Samuel, Odei e Garde, polo Peña Sport.

Goles: (1-0) Minuto 81: Borjas, de penalti.

Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 1.200 espectadores. Gardouse un minuto de silencio en memoria das vítimas do atentado terrorista de Bruxelas.