De axudante de Luisito en Pasarón a pulir diamantes de fútbol no corazón de África

Pontevedra
29 de decembro 2021

Adrián González era o preparador físico de Carlos Pouso, Jesús Ramos e Luisito no Pontevedra antes de facer as maletas rumbo a Quenia, onde traballou durante dous meses como adestrador da academia AIR FC formando aos futuros talentos do fútbol kenyano

Adrián González, ex preparador físico do Pontevedra, adestrador nunha academia de fútbol en Kenia
Adrián González, ex preparador físico do Pontevedra, adestrador nunha academia de fútbol en Kenia / PontevedraViva

A moitos en Pasarón soaralles a cara de Adrián González. Adoitaba vérselle cada domingo na banda dirixindo o quecemento dos suplentes ou activando aos once titulares xusto antes do inicio de cada segunda parte de partido. Era o encargado da preparación física do primeiro equipo do Pontevedra durante a etapa de Jesús Ramos como adestrador. Tamén o foi con Carlos Pouso e na última tempada de Luisito á fronte da nave granate.

Coa chegada de Toni Otero á dirección deportiva o pasado verán, o corpo técnico do club sufriu unha profunda renovación. E González quedou fóra. Pero como di o refrán, cando se pecha unha porta ábrese unha xanela. E o destino tiña gardado para este namorado do fútbol unha exótica aventura no corazón de África.

"Eu dou clase en Cented, unha academia, e tiña un alumno que estivera en China e tamén en Quenia. Contoume a súa experiencia e que había unha oferta para ir alí", explica González como aterrou na AIR FC Academy de Nairobi. Unha fábrica de talento que ata hai pouco xestionaba o FC Barcelona, pero que agora está en mans dun empresario hindú e na que forman ás promesas futbolísticas dun país máis coñecido polos seus plusmarquistas de maratón que polos seus goleadores

As sorpresas comezaron nada máis poñer un pé en chan africano. "Criamos que iamos ao terceiro mundo, pero era un sitio de ricos", describe González o barrio no que viviu durante os dous últimos meses. Xunto cun compañeiro de profesión, González hospedábase nun hotel de luxo rodeado de mzungus, como chaman alí aos brancos.

O primeiro día que salio a pasear pola cidade recoñece que ían preocupados por medo a sufrir un atraco. Por iso evitaban levar obxectos de valor ou chamar a atención. "Saïamos sempre en chandal", explica. Con todo, ese temor desapareceu dunha plumada ao comprobar que o barrio no que vivían estaba máis preto de Europa que do continente negro, a pesar de estar en pleno centro de África.

O seu día a día centrábase principalmente en adestrar, dúas horas ao día, ao equipo sub 19 da academia, o equipo principal xa que nesta academia só forman xogadores ata categoría xuvenil. O sistema de captación de talentos funciona de forma curiosa nesta academia. Por unha banda están os fillos dos ricos do lugar, que pagan ata 4.000 euros ao ano por xogar. "É das máis caras de África", puntualiza González.

E doutra banda, están os nenos do gueto, "que son os bos", admite. A estes prometedores futbolistas adéstranos e educan gratis  técnicos europeos como Adrián González co obxectivo de que no futuro poidan dar o salto ao fútbol europeo, traspasos dos que a academia levaría unha boa parte. Non só ensínanlles a xogar ao fútbol, tamén os forman como persoas e transmítenlles a importancia dos valores do deporte. "Valoran moito a disciplina", sostén.

Á marxe do negocio, é esta o labor máis enriquecedor da aventura africana de Adrián. "Ves nenos con botas rotas, distintas, sen tacos ou mesmo con dúas botas do mesmo pé", relata o adestrador, quen recoñece dirixir a nenos que, "por técnica, táctica, a súa forma de entender o fútbol e o seu físico darían o nivel de calquera da canteira do Celta ou do Dépor". Non é de estrañar que o próximo balón de ouro africano sexa de Quenia, un país no que o fútbol está en plena fase de expansión.

Pero estes dous meses tamén lle serviron ao extécnico granate para facer turismo e descubrir os segredos deste país. "Fomos ao Masai Mara, estivemos nun gueto no que só tiñan auga tres días á semana. Por moito que conte... é algo que hai que vivir", di González sen atopar as palabras para describir as súas vivencias. Algo que só viu alí é que os xardineiros da cidade deportiva cortan o céspede con guadañas. 

O seu periplo africano toca ao seu fin, pero non descarta unha segunda parte. "Ofrecéronme seguir, pero agora quier ver que posibilidades teño aquí. O próximo verán poida que volva, de todos os xeitos podo seguir traballando con eles desde aquí", explica o adestrador, que tamén traballa na clínica Alter Saúde en Marín.