Davor Cutura, co seu noveno campus en Pontevedra antes de afrontar "con mucha ilusión" un novo reto en Italia

Pontevedra
27 de xuño 2019

O xogador serbio organiza na cidade, por noveno ano, o seu campus de tecnificación para xogadores de base, que se desenvolverá entre o 29 de xuño e o día 6 de xullo no colexio Los Sauces

Presentación do noveno Campus Davor Cutura
Presentación do noveno Campus Davor Cutura / PontevedraViva

Despois dun ano en Pontevedra, na que era a súa segunda etapa na cidade, Davor Cutura prepárase para facer as maletas rumbo ao norte de Italia, onde afrontará un novo reto como adestrador-xogador que lle fai "mucha ilusión", recoñeceu.

Pero antes o serbio ten unha cita na cidade coa novena edición do seu campus de tecnificación para a base, na que participarán 107 nenos e nenas nunha edición que se desenvolverá entre o 29 de xuño e o 6 de xullo no colexio Los Sauces.

Cutura recoñece que a súa marcha a Italia supón "algo inesperado", xa que esperaba que a súa volta a Pontevedra "iba a ser por un tiempo largo". Con todo trátase dunha "oportunidad", asegura, despois dun ano complicado no deportivo, co descenso do Teucro á División de Honra Prata.

"A nivel equipo y club tuvimos muchas dificultades", limitouse a sinalar, aínda que "a nivel personal estuvo bien, sí se cumplió uno de mis objetivos".

Xa desde a barreira prefire centrarse no seu campus, unha iniciativa consolidada que contará un ano máis coa dirección do adestrador Nano Martínez.

No noveno Campus Davor Cutura participarán nenas e nenos de Galicia, Asturias e Castela  Léon, ademais dun grupo de 10 nenos e 3 adestradores chegados desde México. Por diante terán xornadas de adestramento específico por postos, colectivo e tamén actividades de lecer como o balonmán praia e o surf.