David Fernández queda a só medio punto de ser campión mundial de xadrez

Pontevedra
05 de novembro 2024
Actualizado: 16:40

O representante da Escola Xadrez Pontevedra finalizou en cuarta posición no Mundial celebrado en Montenegro

David Fernández durante o Mundial de Xadrez de Petrovac en Montenegro
David Fernández durante o Mundial de Xadrez de Petrovac en Montenegro / Escola Xadrez Pontevedra

Coa cabeza alta aínda que cun lixeiro sabor agridoce. Así pechou o pontevedrés David Fernández Lago a súa participación no Campionato do Mundo de Xadrez para Persoas con Discapacidade celebrado na localidade de Petrovac, Montenegro.

O representante da Escola Xadrez Pontevedra, que chegaba sétimo do ranking mundial, soñou durante moitos momentos nun título do que quedou finalmente a só medio punto.

Fernández liderou o campionato desde a terceira rolda até case o último suspiro.

De feito, explica o seu club, unha vitoria nunha das dúas últimas partidas disputadas dáballe o triunfo, pero empatou en ambas as dúas. Nin sequera porse en vantaxe fronte ao montenegrino Kostadinovski aliviou a presión e terminou caendo á cuarta posición.

Catro vitorias e cinco empates é o balance de David Fernández no Mundial, sen que ninguén conseguise derrotalo.

O campión mundial foi finalmente o húngaro Zoltan Zambro con 7 puntos, os mesmos que o uzbeko Axadxon Kimsaboyev e o montenegrino Predrag Nikac, co pontevedrés cuarto con 6,5 puntos.

É a segunda participación de David Fernández Lago nun Mundial. A anterior, competindo por equipos coa Selección Española.

Un éxito que compartiu en directo en Montenegro cun dos fundadores da Escola Xadrez Pontevedra, Daniel Rivera.