David Cal e Ana Varela, lonxe das medallas nas primeiras finais do Mundial de Moscú

Pontevedra
09 de agosto 2014

Cal finalizou sétimo no C-1 1.000, mentres o K-4 500 de Ana Varela (Kayak Tudense) foi oitavo. O domingo, último día de competición con opción de medalla para as pontevedresas Jenifer Casal e Raquel Rodríguez

David Cal, na final do C-1 1.000 do Mundial de Moscú
David Cal, na final do C-1 1.000 do Mundial de Moscú /

Lonxe do podio quedaron os padexeiros galegos na penúltima xornada do Campionato do Mundo de Piragüismo en Augas Tranquilas que se está a disputar na capital rusa, Moscú.

Foi o caso de David Cal, último dunha quenda final atípica do C-1 1.000, posto que dous dos seus rivais foron descualificados, o que o ergueu ao sétimo posto final. Un dos eliminados foi o brasileiro e compañeiro de adestramento de Cal Isaquías Queiroz, que pelexou polo triunfo ata a última pada con Sebatian Brendel, actual campión olímpico. Os dous caeron na chegada, pero o brasileiro fíxoo antes de cruzar a meta e foi descualificado.

Pola súa banda a piragüista do Kayak Tudense Ana Varela finalizou na oitava praza coas súas compañeiras do K-4 500. Con todo se repiten esa clasificación o próximo ano lograrían o billete a Río 2016.

Tamén competiron este sábado André Oliveira e Yeray Picallo (Náutico Firrete), cuartos na final B de C-2 200 metros; e Víctor Rodríguez (Kayak Tudense) xunto ao seu compañeiro Diego Cosgaya, cun terceiro posto na final B de K-2 1.000.

Este domingo, no último día de competición, serán varias as opcións de medalla, empezando polas pontevedresas Raquel Rodríguez e Jenifer Casal (Ciudad de Pontevedra) en C-2 500 e seguindo con ÿscar Carrera e Rodrigo Germade (Kayak Tudense) na final do K-4 1.000 metros e Rubén Millán e Diego Piña (Kayak Tudense) no K-2 500.