Primeira fichaxe confirmada do Pontevedra para a próxima tempada. O club granate anunciaba a última hora da tarde deste mércores a contratación do extremo David Añón, procedente do Somozas, que asinará cos de Luisito por unha tempada.
Xogador de banda, aínda que se desenvolve tamén pola zona central do ataque, David Añón, nacido na Coruña, ten na actualidade 27 anos e mide 1,70 metros. Foi un dos principais referentes en ataque do equipo adestrado por Stili na tempada recentemente finalizada, na que disputou un total de 41 partidos (36 de liga e 5 de copa Deputación), anotando 10 goles, dous deles de penalti.
Formado na canteira do Deportivo, pasou posteriormente polas filas do Montañeiros, Deportivo B (dúas tempadas), Albacete (un ano), Celta B (dúas tempadas) e CD Boiro (unha campaña), club desde o que chegou ao Somozas a pasada tempada.