Daniela Suárez dá o salto á Selección Española Júnior de natación artística

Pontevedra
28 de novembro 2023

A deportista do Club Galaico Sincro foi chamada á convocatoria da preselección española de categoría Junior que levará a cabo do 5 ao 10 de decembro en Valladolid tras o seu sexto posto no recente Campionato de España

Daniela Suárez, tras recibir a medalla ao mérito da RFEN
Daniela Suárez, tras recibir a medalla ao mérito da RFEN

A deportista pontevedresa Daniela Suárez segue queimando etapas dentro das categorías inferiores da Selección Española de Natación Artística.

Tras destacar a nivel infantil con medallas internacionais, a nadadora do Club Galaico Sincro foi agora incluída na convocatoria para a concentración da preselección española júnior que se levará a cabo do 5 ao 10 de decembro en Valladolid.

Daniela entrou na lista tras nadar as probas de selección e despois de finalizar sexta no Campionato de España rutinas técnicas júnior e figuras infantís que tivo lugar a fin de semana en Madrid.

En categoría de equipo técnico Almudena García, Antía Riveiro, Claudia Fernández, Daniela Suárez, Lucía Arousa, María Maquieira e Navia Pérez asinaron o posto 21 dun total de 24 equipos, mentres que en categoría de dúos as nadadoras Antía Riveiro e Daniela Suárez alcanzarían un 16º posto de 46 dúos presentados.

Ademais o Galaico Sincro fíxose co posto 20 da xeral por equipos, mentres que en categoría infantil o posto alcanzado na xeral por equipos de Claudia Fernández, Lucía Arosa e Clara Maquieira foi o 29º dun total de 36.

MEDALLA Ao MÉRITO

Durante a celebración do campionato Daniela Suárez recolleu ademais a medalla ao mérito outorgada pola Real Federación Española de Natación polo seu bo papel no Mundial Infantil celebrado en Atenas.