Daniel Fernández Álvarez "More", novo adestrador do Marín Futsal

Marín
02 de agosto 2024

Xa formou parte do corpo técnico do Marín Futsal na anterior campaña liderado por Ramiro López Díaz. O seu labor centrouse na tecnificación de xogadoras e na análise de vídeo

Daniel Fernández Álvarez "More"
Daniel Fernández Álvarez "More"

Marín Futsal anunciou que Daniel Fernández Álvarez, coñecido como "More", será o encargado de dirixir ao equipo na súa cuarta tempada na Primeira División Feminina de fútbol sala.

Nado o 9 de xullo de 1986, More conta cunha sólida traxectoria no ámbito do fútbol sala, especialmente na base das Escolas Deportivas Vigo.

Fernández adestrou ao equipo xuvenil na División de Honra e foi responsable do equipo sénior na Terceira División durante dúas tempadas e media.

Na súa primeira tempada completa, logrou clasificar ao equipo para os playoffs de ascenso a Segunda B, aínda que non acadaron o obxectivo final. Na seguinte tempada, quedaron a unha praza dos playoffs.

Os afeccionados do Marín Futsal xa están familiarizados con More, quen formou parte do corpo técnico da pasada campaña liderado por Ramiro López Díaz.

O seu labor centrouse na tecnificación de xogadoras e na análise de vídeo. Ademais, este mes de xullo coordinou o campus de fútbol sala das ED Vigo.

Este nomeamento marca o debut de More como adestrador principal na Primeira División Feminina. Convértese no terceiro adestrador na historia do Marín Futsal na elite do fútbol sala feminino, seguindo a Raúl Jiménez e Ramiro López Díaz.

O club e a afección teñen grandes expectativas postas en More, confiando na súa capacidade para continuar desenvolvendo o talento do equipo e acadar novas metas nesta tempada.