Está a ser un dos futbolistas máis destacados do equipo no tramo inicial da tempada. Demostrouno co seu gol no campo do Langreo, que supoñía o 0-1 momentáneo, pero tamén no día a día do equipo porque Dalisson de Almeida sente protagonista neste Pontevedra Club de Fútbol.
"Individualmente creo que empecei moi ben", recoñeceu este mércores o xogador granate desde a sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón, xa que "sinto bastante cómodo, por banda xa non xogo pero por dentro gústame moito estar, teño moitísimo protagonismo, chegando ás dúas áreas, porque creo que son un xogador que traballa tamén en defensa. Estou moi contento".
Para Dalisson foi moi importante encadear por primeira vez esta campaña dous triunfos consecutivos, pero sobre todo "creo que o mellor que nos levamos de Langreo é deixar a portería a cero, porque para os partidos que veñen é algo bastante importante", defendeu.
Ademais despexou dúbidas sobre o seu estado físico tras acabar o encontro en Asturias con molestias nun nocello: "Estamos a traballar cos fisios, é unha molestia que en quente non me afecta moito pero estamos a traballar e está a evolucionar bastante ben", explicou ante os medios de comunicación.
Por último o 18 granate alertou sobre a dificultade do próximo compromiso ligueiro, coa visita a Pasarón dun Marino de Luanco que, avisa, "aquí o ano pasado púxonos as cousas difíciles, tivemos que remontar o partido de feito porque empezaron adiantándose. É un equipo rudo en defensa, que está cómodo defendendo en bloque baixo, así traballaremos durante a semana para ver como atacamos esa defensa".